Choque frontal pola zona ORA tras a saturación no Clínico: a oposición xa esixe a retirada "inmediata"

O PSOE insta a Raxoi a estudar a pertinencia da ORA en Santa Marta e levará o debate ao Pleno do 20 de marzo

A oposición denuncia que a medida do Goberno de Compostela está a agravar a conxestión do aparcamento do Hospital Clínico

A zona ORA no barrio de Santa Marta entrou en vigor o pasado mércores 6 de marzo

A zona ORA no barrio de Santa Marta entrou en vigor o pasado mércores 6 de marzo / Antonio Hernández

As críticas da oposición local á implantación da zona azul nas rúas da contorna do Hospital Clínico (CHUS) non deixan de sucederse. Tan só unha semana despois da posta en marcha da medida, que entraba en vigor este mércores -é dicir, comezaban a sancionarse as infraccións-, xa se produciu unha aínda maior conxestión no aparcamento do hospital.

Ante esta situación o Partido Socialista compostelán tomou a decisión de levar ao Pleno do vindeiro 20 de marzo o debate sobre a pertinencia desta medida adoptada polo Goberno bipartito. Segundo o voceiro do PSOE en Raxoi, Gonzalo Muíños, aínda que a implantación da ORA no barrio de Santa Marta “podería ser necesaria” debera mellorarse previamente a rotación de estacionamentos na contorna do centro hospitalario. 

Gonzalo Muíños define o modo de proceder do Goberno local nesta materia explicando que “comezamos a casa polo tellado”. Por isto, dende o Grupo socialista pídeselle ao bipartito que negocie coa Xunta de Galicia a mellora da rotación na contorna para evitar a actual situación no párking do CHUS, comprobada in situ polo propio voceiro e compartida nas redes sociais do grupo e onde demostra que a saturación deste aparcamento é palpable dende antes de que comecen as consultas externas.

Máis rotundo é Grupo popular, que segue a denunciar o “ruín afán recadatorio” do goberno de Goretti Sanmartín e pide “a retirada inmediata” da zona ORA das rúas próximas ao hospital e denuncia que “o BNG estase a aproveitar dos usuarios dese hospital”

Para o edil do PP Adrián Villa, “o medo a non poder renovar o ticket” na zona azul de Santa Marta leva os usuarios do centro sanitario a aparcar no interior da parcela hospitalaria xerando “un problema máis que antes non o existía”

Villa, que leva semanas denunciando o mal funcionamento dos parquímetros da cidade, insiste en que este problema afecta tamén á nova zona ORA -con fallos nos dispositivos e erros na app- e denuncia que a iniciativa promovida dende a concellaría de Mobilidade está “plagada de chapuzas” por tomarse esta decisión de maneira “improvisada e descontrolada” coa única finalidade de “recadar e nada máis”.

Así mesmo, dende o PP aprézase certa discriminación do barrio de Santa fronte a outros “sen zona ORA ou con prazas de residentes”, a pesar que o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, insiste unha e outra vez en recordar que no barrio hai prazas de estacionamento verde -de residentes- que non supera o 75% de ocupación e que “todos os edificios desas rúas teñen garaxe”.

Acabar cos vehículos ‘ventosa’

O Goberno local segue a defender o bo funcionamento da medida adoptada, congratulándose de ter eliminado os vehículos ‘ventosa’, que permanecían estacionados no mesmo lugar durante días. Algo que o Partido Socialista considera tamén positivo, aínda que pon o foco en que estes automóbiles, nalgúns casos de universitarios, pasaron agora a estacionarse no párking do CHUS agravando a saturación existente.