Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

FITUR 2026

A Costa da Morte reivindícase como destino auténtico e identitario

A presentación da nova campaña marca a aposta da CMAT por un turismo respectuoso e sostible «que se constrúe cada día» e con voz propia, «onde a paisaxe, o patrimonio e as persoas van da man»

Representantes da CMAT, autoridades do turismo galego e alcaldes dos concellos que forman o xeodestino. | CEDIDA

Representantes da CMAT, autoridades do turismo galego e alcaldes dos concellos que forman o xeodestino. | CEDIDA

Santiago

A Costa da Morte foi protagonista este xoves en Fitur coa presentación oficial da campaña «Costa da Morte: donde la tierra habla y el cielo responde», nun acto que reuniu representantes institucionais e profesionais do sector no stand de Galicia.

A presentación correu a cargo de José Manuel López, alcalde da Laracha e presidente da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), quen lle deu a benvida ás persoas asistentes e puxo en valor o xeodestino como un territorio auténtico e con identidade propia, cunha forma única de entender o turismo e cunha aposta clara por un modelo sostible e coherente co que a Costa da Morte é: «Apostamos por un modelo de turismo respectuoso e sostible, onde a paisaxe, o patrimonio e as persoas van da man».

Durante a súa intervención, o presidente da CMAT destacou que esa identidade non é un concepto abstracto, senón algo que se constrúe cada día a través da relación das persoas co territorio, da súa historia, da súa cultura e da súa forma de vivir e expresarse. Unha identidade que se percibe na forza da paisaxe, no seu patrimonio, na tradición mariñeira, na gastronomía, na hospitalidade e tamén na maneira de falar e de contar o territorio.

Neste sentido, puxo en valor a campaña como unha aposta por amosar a Costa da Morte tal e como é, sen maquillaxe nin artificios, cun relato propio e diferenciado dentro do mapa turístico galego e estatal. O vídeo principal proxectado durante presentación é unha peza audiovisual que percorre distintos puntos emblemáticos da Costa da Morte e que reflicte o territorio desde unha ollada honesta e próxima: coa forza da súa paisaxe, coa súa diversidade natural e patrimonial e, especialmente, coa voz real da súa xente.

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

A continuación interviñeron Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, que destacou a calidade das accións promocionais da Costa da Morte para situarse nun lugar destacado no turismo galego, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, que, coma noutras ocasións, puxo en valor as súas xentes e como os visitantes que se achegan ao destino repiten pola experiencia recibida. Así, ambos puxeron en valor o traballo desenvolvido pola CMAT e o potencial da Costa da Morte como destino turístico diferenciado e emerxente.

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

ESPECIAL FITUR 2026

Recoñecementos

Como recoñecemento ao apoio institucional recibido, fixoselle entrega a ambos representantes do distintivo da CMAT, unha peza de buño personalizada, da man de José Manuel López e de Margarita Lamela, vicepresidenta da entidade e alcaldesa de Cee.

O acto continuou coa presentación do libro «A Costa da Morte. Naturalmente única», a cargo de Pepe Formoso, vogal da CMAT e presidente da APTCM, unha publicación que recolle e pon en valor a singularidade natural, cultural e paisaxística do territorio.

Tracking Pixel Contents