Dumbría énchese de xogos, música e luz ao pé da fervenza
A celebración chega esta fin de semana á súa 39ª edición cun programa para todas as idades e un espectáculo sobre o salto do Xallas como gran reclamo

Espectáculo audiovisual que se proxecta na fervenza do Ézaro, un dos espazos naturais máis recoñecibles de Galicia. / CEDIDA
Redacción
A praia do Ézaro volve converterse esta fin de semana nun dos grandes puntos de encontro do verán en Dumbría. A 39ª Festa da Praia arrancará o sábado 1 de agosto cun amplo programa de actividades infantís, xogos, música e propostas tradicionais, ás que se sumará pola noite un dos reclamos máis singulares da comarca: o espectáculo de luz e son que iluminará a fervenza.

Festa da Praia do Ézaro 2026
Festa da Praia do Ézaro 2026A programación comezará ás 16.00 horas no paseo marítimo con obradoiros infantís de manualidades, xogos de habilidade para todas as idades e inchables. Ás 19.30 horas, a compañía Enredos presentará A Vela Circo, un espectáculo pensado para completar unha tarde de lecer en familia.
Coa chegada da noite, a actividade trasladarase á contorna da Fervenza do Ézaro. A partir das 22.15 horas, a Gallaecia Small Band ofrecerá un concerto cun repertorio de soul, jazz, chachachás, boleros e mambos. Só quince minutos despois, ás 22.30, comezará a iluminación da fervenza, que se prolongará ata as 00.30 horas.
O espectáculo audiovisual, titulado O eco do Ézaro, emprega a auga, a pedra e a vexetación como un enorme lenzo natural. A música e as imaxes acompañan a caída da auga nunha posta en escena que lles dá voz á paisaxe e á memoria do territorio.
O enclave ofrece un marco difícil de igualar. A fervenza do Ézaro forma un salto duns trinta metros sobre o granito antes de desembocar directamente no mar, unha singularidade xeográfica que converte este recuncho de Dumbría nun dos espazos naturais máis recoñecibles de Galicia.
A festa continuará mañá domingo desde o mediodía. Entre as 12.00 e as 13.30 horas, e de novo entre as 16.00 e as 20.00, os máis pequenos poderán participar en TransPorta, a proposta de Garabato de Xogos, ademais de continuar cos obradoiros, os inchables e os xogos de habilidade.
Un dos momentos máis agardados será a sardiñada popular, amenizada pola música tradicional de Longarela. Pola tarde, a praia acollerá os clásicos xogos de cadeiras, sacos e corda, ademais do popular baile do cañoto. A animación musical correrá a cargo de DJ Matrek e da orquestra Nueva Fuerza.
«É unha festa familiar, con actividades de todo tipo: culturais, musicais e deportivas, e orientadas, sobre todo, á cativada», explica Raúl González, alcalde de Dumbría. «Hai uns anos decidimos cambiar o modelo de celebración e deixamos aquela multifesta de tres días que se nos escapaba das mans para volver a unha festa máis familiar, pensando nos veciños do Ézaro e na extraodinaria contorna que temos e que debemos coidar», engade.
Así, natureza, diversión e tradición volven darse a man nunha festa que cada primeiro fin de semana de agosto reúne veciñanza e visitantes arredor da praia e da fervenza. Unha celebración que se completa co espectáculo nocturno capaz de converter unha das paisaxes máis extraordinarias da Costa da Morte nun relato de luz, auga e lenda.n
- El detenido por el atropello mortal de Bertamiráns viajó desde Lugo para enfrentarse con la víctima
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- Los políticos compostelanos se toman un descanso: retorno a las raíces para desconectar de Raxoi
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- National Geographic elige un rincón a una hora de Santiago como una de las siete maravillas naturales para visitar en agosto