'As benvidas' exhibe a chegada agridoce dos emigrantes a Nova York

Organizada polo CCG, a exposición pódese visitar ata o 15 de maio na sede de La Nacional
REDACCIÓN

Santiago. As benvidas é unha exposición que documenta e celebra as amargas alegrías das chegadas e nos axuda a ver outra cara da historia, un novo comezar" afirmou María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG), no marco da inauguración que tivo lugar o pasado martes na sede de La Nacional, en Nova York.

Canda ela estaba o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera, e o presidente de La Nacional, Antonio Morales, cos comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo.

Serve de contrapunto da que a institución levou ao Museo da Migración de Ellis Island, Os adeuses, na que se que retrataban as despedidas dos galegos que tiñan que emigrar.

As benvidas é de pequeno formato e escolma un traballo de case dez anos de dixitalización dos arquivos familiares dos descendentes españois en Estados Unidos. Nela inclúen fotografías, documentos persoais e materiais que contribúen a perfilar a mestura de sentimentos encontrados dos emigrantes no momento da chegada aos Estados Unidos.

Dividida en cinco apartados -Non deixes de buscar ao tío Andrés, que xa sabe que chegas..., Lembra: o traballo e a economía, a maior lotería..., Apoiádevos os uns aos outros..., Non nos olvides e "Volverás?-, o gran motivo é rememorar a gran vaga de galegos que chegaron a esta cidade e facelo en plan máis celebratorio que de lamento", apuntou James Fernández.

Para James Fernández este tipo de exposición é un gran triunfo porque permite resaltar a emigración galega nunha cidade na que houbo tantos grupos e na que os españois están nun segundo plano. Pode verse na sede de La Nacional, The Spanish Benevolent, ata o 15 de maio.

É unha mostra nova e como contrapunto a de Os adeuses.