El Correo Gallego

Noticia 6 de 19 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

O alcalde da Baña entrega unha placa á directiva da AA.VV. Camiño Real de Ordoeste por cumprir 40 anos

O presidente Manuel Gómez García e o vogal Ceferino Almozara levan na directiva dende a constitución da entidade en 1978 // Veciños da parroquia gozaron coa obra de teatro ‘As mil e unha noites’ e coa presentación dun vídeo conmemorativo // A asociación contou co apoio da Deputación e do Concello para organizar os actos // Recordo especial para Amalia López, a primeira muller da directiva, e para o falecido ex tesoureiro Ángel Manteiga

FOTO: Concello da Baña
FOTO: Concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 15.04.2019 
A- A+

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, asistiu o pasado sábado aos actos conmemorativos do 40 aniversario da Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste, e entregoulles unha placa co escudo do concello a cada un dos membros da xunta directiva, xunto cunha reprodución en bronce da casa do concello ao presidente, Manuel Gómez García, que leva na directiva dende que se constituíu a entidade. No acto houbo unha mención especial para Amalia López, a primeira directiva da asociación, e tamén para o ex tesoureiro Ángel Manteiga, que faleceu o pasado ano. Unha obra de teatro e a proxección dun vídeo conmemorativo, serviron para completar a programación da xornada, que rematou cos asistentes compartindo experiencias e anécdotas mentres degustaban uns petiscos.

A Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste constituíuse o 10 de abril de 1978 nunha reunión celebrada no teleclub parroquial, na que se nomeou presidente da xunta directiva a Herminio Brenlla Canelas e na que figuraban como vogais Manuel Gómez García (da aldea de Cruceiro), Ceferino Almozara (Couto) e Ángel Manteiga (Cotovades). Catro décadas despois, Manuel Gómez é o presidente da asociación e Ceferino Almoraza continúa como vogal.

A representación da obra ‘As mil e unha noites’, a cargo da compañía Teatro dos Ghazafelhos, fixo gozar as preto de setenta persoas que estaban presentes no teleclub, entre os que se atopaban o alcalde e representantes da Corporación municipal. Despois do teatro, a xunta directiva proxectou un vídeo conmemorativo dos 40 anos de vida da entidade, no que Manuel García, Alicia Blanco (actual secretaria), Manuel Blanco (tesoureiro) e Ceferino Almozara recordan como se constituíu Camiño Real e os fitos máis importantes que acadaron nestas catro décadas. A construción da área recreativa e do parque infantil para os pequenos, ou as melloras nas escola, a que lle botaron o tellado e a placa, son algúns destes logros.

Tanto no vídeo como na reunión do sábado, a actual directiva fixo un chamamento á xuventude para que se implique e se anime a participar na directiva, para “poder acadar cousas que interesen a maioría dos habitantes da parroquia”, como explicou o presidente e o tesoureiro.

Para a organización dos actos, a Asociación de Veciños Camiño Real contou cunha achega da Deputación da Coruña, que financiou a edición do vídeo e tamén a dixitalización do libro de actas, para conservar os acontecementos máis importantes da historia do colectivo. O Concello da Baña tamén colaborou coa organización dos actos, durante os cales se tivo un recordo especial para Amalia López, a primeira muller que se incorporou á xunta directiva e que non puido asistir á celebración por problemas de saúde. Outra mención especial foi para o ex tesoureiro Ángel Manuel Manteiga, que formou parte da directiva de Camiño Real dende a constitución ata o seu pasamento en febreiro de 2018. “Manteiga traballou moito pola asociación, sen el posiblemente xa non houbéramos chegado ata aquí. Para poder celebrar outros corenta anos é seguir conseguindo cousas para a parroquia polo que precisamos que os veciños se impliquen e participen activamente”, sinalou Manuel Blanco.

En homenaxe a todas as persoas que durante estes 40 anos se implicaron na directiva e traballaron na Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste, o Concello colocou unha placa conmemorativa na escola. Para rematar os actos todas as persoas asistentes compartiron anécdotas e proxectos mentres degustaban uns petiscos.