El Correo Gallego

Noticia 3 de 65 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

As bañesas ‘Mad Max’ gaña o premio como mellor carroza e ‘Somolo demo’ queda terceira en comparsas

Doble galardón para ‘Maxia de inverno’, chegada dende Tomiño: mellor comparsa e segunda en carrozas // ‘Vinkings Conxo’ e ‘Fantasía na fraga’ completan o podio nas dúas categorías máis numerosas // ‘Transformer’, ‘Doutor Maximus Pest’ e ‘Tartarugas ninja’ foron os gañadores en categoría individual e grupo // Moitos veciños presenciaron un desfile con medio milleiro de participantes e continuaron de festa pola noite

FOTO: Concello da Baña
FOTO: Concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 02.03.2020 
A- A+

A Baña encheuse onte de cor no desfile de disfraces de Entroido que xuntou a máis de medio milleiro de participantes e amosou a imaxinación e enxeño da veciñanza local. ‘Mad Max’, chegada de Lañas, foi a gañadora na categoría de carrozas e ‘Somolo demo’, dende Liñaio, quedou terceira en comparsas. A elas sumouse ‘Barcala na lúa’, que conseguiu ‘fichar’ ao Jorge Javier Vázquez para arrincar moitos sorriso e aplausos da veciñanza coas súas coplas satíricas sobre a situación política no concello, adicándolles cancións aos tres líderes políticos da Corporación municipal.

Na categoría de carrozas, o terceiro premio foi para ‘Fantasía na fraga’, que chegou dende Oroso, e o segundo para a agrupación Estrelas da Noite que se desprazou dende Tomiño (Pontevedra) cunha proposta chamada ‘Fantasía de inverno’, na que participan 75 persoas e que tamén conseguiu o primeiro premio na categoría de comparsas. Dende Compostela os ‘Vinkings Conxo’, coas súas caras pintadas, conseguiron o segundo premio en comparsas. Nestas dúas categorías, as tres primeiras agrupacións levaron un premio en metálico de 1.000, 500 e 200 euros, respectivamente.

As ‘Tartarugas Ninja’, en grupo, o ‘Doutor Maximus Pest’, en individual adulto, e ‘Transformer’, en infantil, foron os gañadores nas súas respectivas categorías e merecedores dun premio de 150, 100 e 100 euros, respectivamente.

E aínda que non obtivo premio, a carroza ‘Barcala na lúa’ presentouse en San Vicenzo coa fichaxe estrela do televisivo Jorge Javier Vázquez e tamén co novo ‘alcalde da Baña’, que, bastón de mando en man, non tivo reparo en darlle un abrazo a José Antonio Pereira, que está á fronte do concello dende o pasado mes de xuño. As súas propostas musicais tamén arrincaron numerosas risas e aplausos entre o público presente. Ao ex alcalde popular, Andrés García Cardeso, con moita sorna, dedicáronlle o corrido mexicano de Antonio Aguilar ‘Juan Charrasqueado’, ao que titularon ‘Andrés, o mal pagador’. Ao actual alcalde, José Antonio Pereira, cantáronlle a rancheira ‘El rey’, de Vicente Fernández, á que titularon ‘O alcalde sonche eu’. Para o líder de Compromiso por Galicia, César Ramos, ao que votaron en cara que non lles acompañara na comparsa, tiñan reservado o tema de Sergio Dalma ‘Yo no te pido la luna’, cun pequeno cambio en letra e título para adaptalo a ‘Eu non che pido o voto’.

‘O pequeno reino de Ben e Holly’, ‘Barrio Guisandésamo’, ‘As sojras adovesidas nas vespas’, ‘Arca de Noé’, ‘A froitería da Ruliña’, ‘O Entroido ten un color especial’, ‘Magia Cíngara’, ‘Superheroes’ ou ‘Ajhata ruín da praza’ foron outras das comparsas e carrozas que onte desfilaron pola Baña entre os aplausos da veciñanza, que continuou a festa na carpa habilitada preto da escola de música, na que a cativada puido gozar cos inchables.

No palco da discoteca móbil CDC entregáronse os premios aos gañadores, no que houbo momentos de moita emoción, como cando lle entregaron o galardón a ‘Mad Max’ e un dos seus compoñentes máis novos non puido conter as bágoas. As gañas de divertirse e bailar continuaron ata a madrugada coa música do DJ que animou a verbena.