El Correo Gallego

Noticia 7 de 19 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

A Asociación de Veciños Camiño Real celebra 40 anos en Ordoeste con teatro e un vídeo

Ás 18.00 horas Teatro dos Ghazafelhos representará ‘As mil e unha noites’ // A veciñanza coñecerá un adiando do vídeo conmemorativo destas catro décadas // O presidente Manuel Gómez leva na directiva desde que se constituíu a Asociación o 10 de abril de 1978

Pola esquerda Alicia Blanco (secreatria), Manuel Blanco (tesoureiro), Manuel Gómez (presidente) e Ceferino Almozara (vogal) da Asociación de Veciños Camiño Real. - FOTO: Concello da Baña
Pola esquerda Alicia Blanco (secreatria), Manuel Blanco (tesoureiro), Manuel Gómez (presidente) e Ceferino Almozara (vogal) da Asociación de Veciños Camiño Real. - FOTO: Concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 12.04.2019 
A- A+

O 10 de abril de 1978, os veciños da parroquia bañense de Ordoeste constituían a Asociación de Veciños Camiño Real e nomeaba presidente a Herminio Brenlla Canelas. Naquela xunta directiva figuraban como vogais Manuel Gómez García (de Cruceiro) e Ceferino Almozara Outes (de Couto). Corenta anos despois, Manuel Gómez García continúa na directiva, agora como presidente, e encargouse de organizar os actos conmemorativos destas catro décadas de vida, que se celebrará mañá en Ordoeste.

Manuel Gómez García e Ceferino Almozara, que segue como vogal da directiva, rememoran nun vídeo conmemorativo desta efeméride como naceu a Asociación de Veciños Camiño Real de Ordoeste e algúns dos fitos máis importantes acadados nestes corenta anos. A segunda muller que forma parte da directiva, Alicia Blanco, no cargo de secretaria, e o tesoureiro, Manuel Blanco, recordan no vídeo a importancia de asociarse e animan á xuventude a participar e implicarse na entidade.

Un adianto deste vídeo, que foi financiado cunha achega da Deputación da Coruña, será presentado mañá no acto central da conmemoración destes corenta anos de vida, na que a veciñanza poderá tamén ler algunhas das actas da Asociación. Así, poderán comprobar que no ano 1978 para ser socio de Camiño Real pagábanse 150 pesetas ao trimestre (un euro, aproximadamente).

Antes da proxección do vídeo, que se acabará de grabar mañá, os asistentes ao acto poderán ver a representación da obra As mil e unha noites que interpetará Teatro dos Ghazafelhos para un público familiar.

Ao remate dos actos, os asistentes poderán compartir experiencias e recordos durante un aperitivo que a Asociación ofrecerá nas inmediacións do teleclub. Para a conmemoración desta efeméride, Camiño Real de Ordoeste contou coa colaboración do Concello da Baña e da Deputación da Coruña.