El Correo Gallego

Noticia 2 de 30 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

A Baña celebra o día 28 a festa do proxecto Apego e unha sesión de cine ao aire libre

A festa do Apego organiza o circo de Peter e a peza “Puño puñete”, dende as 17.00 horas na área recreativa de Chans // Ás 21.00 horas proxectarase ao aire libre o filme infantil “Peter Rabbit” na praza do concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 28.05.2019 
A- A+

Un ano máis volta a festa do Apego, promovida polos concellos da Baña e de Negreira para fomentar a crianza na nosa lingua. Nesta ocasión, o venres 28 na área recreativa de Chans da Baña, as familias poderán gozar dende as 17.00 horas cos espectáculos do circo de Peter e o seu paiaso, de Garabato de Xogos Obradoiros, e posteriormente coa representación de “Puño puñete” de Baobab Teatro. Ademais, o concello organiza tamén unha sesión de cine ao aire libre coa proxección de “Peter Rabbit” ás 21.00 horas na praza do concello da Baña.

A celebración conxunta do Apego estase a converter nunha tradición nos dous concellos. Este proxecto, promovido polos servizos de normalización lingüística da Baña e Negreira, pretende incentivar a socialización entre nenas e nenos en galego dende o seu nacemento.

Nesta ocasión, conta con dúas funcións independentes para a diversión da cativada. Dende as 17.00 horas ata as 20.00 horas do venres 28, o paiaso Peter e o seu circo enredarán aos presentes coa súa divertida representación. Ás 20.00 chegará o momento da peza teatral do grupo Baobab, chamada “Puño puñete”.

A obra é un espectáculo para toda a familia con música en directo, cancións e contos na que a tenrura é a principal protagonista do relato. Unha experiencia chea de sensacións e emocións que manterán ás nenas e nenos cos seus cinco sentidos postos no escenario. A peza teatral, baixo a dirección de Óscar Ferreira, conta como elenco con Andrea Bayer e Davide González.

As representacións do Apego terán lugar na área recreativa de Chans da Baña e rematará aproximadamente ás 20.45 horas, aínda que en caso de choiva trasladaríase ao pavillón polideportivo da Baña para asegurar a celebración do evento.

Ademais, as pequenas e pequenos poderán continuar coa troula, pois ás 21.00 horas o cine ao aire libre chegará á praza do concello da Baña para emitir a película infantil “Peter Rabbit”. A película estadounidense é unha adaptación ao conto tradicional de Beatrix Potter, na que un coello rebelde e traste intenta facerse co control da horta do seu dono. Con este fío condutor, o filme, que ten unha duración aproximada dunha hora e media, asegura as gargalladas da cativada.