El Correo Gallego

Noticia 4 de 52 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

A Baña celebra mañá un magosto na praza do Concello con música en directo, DJ e polbeira para xantar

O grupo Ciclón iniciará a sesión vermú sobre a unha da tarde e a verbena dende ás 19.30 // Ramón Leis e Moncho Ces ofrecerán un concerto ás 16.30 horas e, os gaiteiros e Pandeireteiras da Baña outro ás 18.15 // Os asistentes poderán degustar polbo a mediodía e, dende ás sete da tarde, castañas // Os actos están organizados polo Concello da Baña en colaboración coa Comisión de Festas da Baña e a Asociación e Mulleres Alborada // Córtase ao tráfico a praza do Concello

FOTO: Concello da Baña
FOTO: Concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 25.10.2019 
A- A+

As castañas e a música serán mañá as grandes protagonistas na Baña no magosto popular que organiza o Concello en colaboración coa Comisión de festas da Baña e a Asociación de Mulleres Alborada na praza do Concello, que estará pechada ao tráfico. O aprazamento do partido de liga entre Barcelona e Real Madrid modificou un pouco o programa previsto, polo que a sesión vemú comezará sobre a unha da tarde a cargo do grupo Ciclón, que tamén amenizará a verbena xunto cunha sesión de DJ, pouco despois de que comece a degustación de castañas ás sete da tarde.

Potenciar unha das grandes tradicións galegas do outono, a celebración do magosto, é o obxectivo que persegue o Concello da Baña coa organización dunha festa popular arredor da castaña. A Comisión de Festas da Baña e a Asociación de Mulleres Alborada colaboran na organización duns actos que se van celebrar na praza do Concello dende o mediodía.

Despois da sesión vemú, unha polbeira encargarase de dar de comer a quen se anime a participar no xantar popular. Pola tarde volverá ser o momento da música en directo, con concertos dos mestres da Escola Municipal de Música Ramón Leis e Moncho Ces (16.30 horas), e a actuación dos gaiteiros e das Pendeireteiras da Baña (18.15 horas).

As sete da tarde os asistentes poderán degustar as castañas que se prepararán no magosto, antes de que o grupo Ciclón e una sesión de DJ animen a verbena dende ás 19.30 horas.