El Correo Gallego

Noticia 8 de 52 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

A Baña conmemora o 25-N percorrendo 22 km do municipio coa marcha “Non camiñarás soa”

Doce remudistas participaron na iniciativa conxunta cos concellos de Santa Comba, Val do Dubra, Negreira e Mazaricos // Olivia Lois e Mercedes Pazos foron as remudistas máis nova e de maior idade e Carla Montoiro a que entregou o facho a Negreira // O manifesto institucional amosa “a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencia contra as mulleres” // No acto institucional participaron representantes dos tres grupos da Corporación

FOTO: Concello da Baña
FOTO: Concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 26.11.2019 
A- A+

O Concello da Baña e a súa veciñanza manifestaron hoxe “a máis absoluta repulsa ante todo tipo de violencias contra as mulleres” durante a lectura do manifesto na praza do Concello coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A Baña, conxuntamente cos municipios de Santa Comba, Val do Dubra, Negreira e Mazaricos, participou levando “a luz da esperanza” polos cinco municipios nunha marcha de remudas ‘Nunca camiñarás soa”.

A concelleira Mónica González foi a primeira remudista da Baña. En Paramos recolleu o facho que lle entregaron os catro ciclistas de Val do Dubra que fixeron a última remuda neste municipio, nun punto ao que acudiu o alcalde dubrés, José Manuel Varela. Sobre as once da mañá empezaba o percorrido de 22 km polo municipio da Baña no que participaron doce remudistas de todas as idades, entre eles Alba Pérez, que onte se proclamaba campioa galega de marcha na súa categoría. A máis veterana das participantes foi Mercedes Pazos e, a máis nova, Olivia Lois, quen levou o facho dende O Barro ata San Vicenzo, onde se leu o manifesto despois de que representantes dos tres grupos da Corporación levaran tamén a luz uns metros. David Gontán, Andrés García Cardeso e José Antonio Pereira participaron na iniciativa antes de acender o peveteiro que mantén viva a luz da esperanza para erradicar a violencia contra as mulleres.

Concello da Baña

FOTO: Concello da Baña

Na Praza do Concello, nunha desapracible mañá con moita choiva e néboa e diante dun grupo de veciños e participantes na iniciativa, Mónica González leu o manifesto institucional da marcha ‘Nunca camiñarás soa” (ler íntegro neste enlace). Tras recordar que A Baña, ao igual que 125 concellos galegos, se sumou a campaña ‘En negro contra a violencia machista’ e de rexeitar todo tipo de violencia contra as mulleres, recordouse que, segundo datos oficiais, este ano en España foron asasinadas 51 mulleres. “No caso de Galicia o contador suma xa cinco. Cinco mulleres foron asasinadas a mans de homes dos que pretendían afastarse: María José, Sandra, Alba e María Elena en Valga, e Mari Carmen en Vilalba. A Rabia e o desconsolo fannos seguir avanzando nesta andaina, e empúrranos a vestir de negro como símbolo de loito, pero tamén de loita”, dixo González Blanco en alusión as camisetas negras que portaban todos os participantes na iniciativa ‘Nunca camiñarás soa’.

“Desde os Concellos de Santa Comba, Val do Dubra, A Baña, Negreira e Mazaricos queremos reiterar neste 25 de novembro, o noso compromiso na loita pola erradicación das violencias contra as mulleres e combatelas con todos os recursos ao noso alcance, e incluír a todas e a todos nesta loita”, indica o manifesto, no que se recorda tamén que “hai espazo para a esperanza”. Por este motivo, os cinco concellos uníronse “para levar esa luz da esperanza na ‘Marcha Nunca Camiñarás Soa’. Esta marcha nace para dar visibilidade a todas aquelas que están baixo a escuridade da violencia, para que saiban que hai unha luz, á que se poden agarrar, e que esa luz a leva moita xente, e ilumina e iluminará estes territorios”, recordou Mónica González

O manifesto incide na necesidade de apostar pola educación para erradicar a violencia de xénero, e fai mención as violacións en grupo e as sentencias que subestiman a situación de indefensión das víctimas. E conclúe recordando: Contra a escuridade, LUZ!!. Contra a soedade, COMPAÑA! Contra a desesperación, ESPERANZA! Eso si, xuntos! Sin que ningún, nunca, camiñe soa!

Unha vez lido o manifesto, colleron o facho os dous últimos remudistas, que fixeron o tramo en bicicleta ata Ponte Maceira, onde Carla Montoiro entregou a luz a un grupo de atletas de Negreira, que continuaron coa marcha polo seu territorio.

A iniciativa rematou no Concello de Santa Comba, cun acto institucional no que participan representantes dos cinco concellos.