El Correo Gallego

Noticia 14 de 31 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

A Baña homenaxea a Antonio Fraguas cun 'Café con letras' recuperando cantigas e regueifas da zona

O alumnado de Silvia Capelo vai debuxar un mural no centro social durante o acto, o mércores pola tarde // Alumnado do CPI San Vicente participará pola mañá nunha andaina literaria

FOTO: Concello da Baña
FOTO: Concello da Baña

CONCELLO DA BAÑA  | 13.05.2019 
A- A+

O Concello da Baña vai concentrar o vindeiro mércores, 15 de maio, os actos principais cos que celebra o Día das Letras Galegas, que este ano rende homenaxe a Antonio Fraguas Fraguas, o escritor, historiador e galeguista nado en Cotobade (Pontevedra). E para homenaxealo, dende o Servizo de Normalización Lingüística municipal decidiron facer o mesmo que fixo durante moitos anos o propio Fraguas en moitas zonas de Galicia, recoller e recompilar cantigas da zona da Baña, nunha actividade na que as regueifas e a pintura terán tamén o seu oco.

Os actos abertos ás familias e veciñanza da Baña vanse celebrar no centro social e da terceira idade a partir das cinco da tarde. Pero as actividades comezarán xa de mañá, coa participación do alumnado do CPI San Vicente nunha Andaina Literaria, dende o propio colexio, pasando por Vesía e ata o campo de fútbol de Cartas. Segundo as idades, os nenos e nenas farán máis ou menos percorrido. En Vesía recitarán coplas populares da Baña, e diante da casa da cultura contarán algún conto popular.

Xa pola tarde, maiores e pequenos daranse cita no centro social e da terceira idade para recuperar e recoller cantigas da zona da Baña para manter a tradición. Dende o Servizo de Normalización Lingüística da Baña recordan que Antonio Fraguas caracterizouse, entre outras cosas, por tecer unha rede de persoas para recoller patrimonio inmaterial de distintos puntos de Galicia. “É a mellor forma de manter viva a nosa cultura e tradicións”, asegura Carmen Pereiro, responsable do servizo na Baña.

Durante a tarde, o alumnado que acode ás clases de pintura de Silvia Capelo aproveitará para debuxar un mural no que amosarán a súa particular forma de conmemorar o Día das Letras. Ademais, o Club de Regheifas de Barcala, que creou o ano pasado Olalla Liñares, tamén se dará cita na Baña para regueifar e recuperar coplas tradicionais da comarca.

Unha xornada completa coa que o Concello da Baña conmemora este ano o Día das Letras Galegas. Para estas actividades, o concello conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.