El Correo Gallego

Noticia 2 de 65 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

A Baña mantén o desfile de Entroido de mañá, con 550 persoas inscritas en todas as categorías

As 16.30 horas comezará o concurso no que participan 18 carrozas e comparsas de toda Galicia, ademais de grupos e individuais // Haberá inchables e actividades para a cativada nunha finca próxima a escola de música // A Asociación A Baña en Festas colabora cunha food trucks para ofrecer comida aos asistentes e unha discoteca móbil

CONCELLO DA BAÑA  | 28.02.2020 
A- A+

O Concello da Baña mantén o desfile de Entroido previsto para mañá pola tarde, e que está resultando todo un éxito de convocatoria, con 550 persoas inscritas en todas categorías. As previsións meteorolóxicas indican que pola tarde choverá pouco e que a alerta laranxa que emitiu a Dirección Xeral de Emerxencias levantarase ás 08.00 horas de mañá. En caso de que se decrete unha nova alerta e haxa que cancelar o desfile, a primeira hora de mañá dende o Concello poranse en contacto cos representantes e todos os grupos, comparsas e carrozas inscritas para comunicarlles a decisión.

Pero todo apunta a que o Entroido da Baña este ano vai ser un éxito de participación, como acreditan as 550 persoas inscritas (o prazo rematou onte) nas diferentes categorías. Polas rúas da Baña van desfilar 18 comparsas e carrozas procedentes de toda Galicia. “Virá unha carroza de 16 metros de longo dende Ourense, e varias tamén dende Tomiño”, indica a concelleira de Cultura, Mónica González. A elas hai que engadir os participantes nas categorías de grupo e individuais.

O concurso comezará ás 16.30 horas. Os participantes van desfilar pola rúa Rosalía de Castro (a estrada que une A Baña con Santa Comba), en dirección cara a Praza do Concello, onde serán avaliados polo xurado. Dende aquí, uns seguirán pola rúa Tedelle e outros pola rúa Xacinto Rodríguez, para facilitar a saída a os participantes. Todos eles competirán polos 3.500 euros en premios que este ano reparte o Concello da Baña, 1.700 na categoría de carrozas e outros 1.700 na de comparsas.

Paralelamente, o Concello ten organizadas diferentes actividades para a cativada, nunha finca situada ao carón da escola de música, con accesos tanto dende a rúa Tedelle como dende Xacinto Rodríguez. Aquí haberá unha carpa, inchables e moitos máis xogos.

Food track e discoteca móbil da Asociación A Baña en Festas

A Asociación A Baña en Festas colabora con Concello para que todas as persoas que visiten mañá a Baña pasen un día inesquecible. O colectivo veciñal vai montar unha cantina e contará tamén cunha food trucks para que todos os asistentes poidan repoñer forzas.

E para rematar o día, a discoteca móbil CDC animará a bailar a todos os presentes ata que o corpo aguante.