El Correo Gallego

Noticia 11 de 19 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

Homenaxe á muller rural na Festa da Música da Baña

Unha veciña de 94 anos descubriu a placa conmemorativa // O xantar e a mostra de ferramentas completaron a xornada

Exposición de fotografías, vestimenta e ferramenta da época que usaba a muller labrega - FOTO: C. B.
Exposición de fotografías, vestimenta e ferramenta da época que usaba a muller labrega - FOTO: C. B.

AVELINO ARCA A BAÑA   | 24.03.2019 
A- A+

A asociación Nosos Aires e o Concello da Baña celebraron onte a II Festa da Música cunha especial homenaxe ás traballadoras. A parroquia da Riba recibiu á veciñanza da contorna no campo da festa da Carballeira, onde se habilitou unha carpa na que se celebrou o xantar popular no que non faltaron o pulpo, a carne o caldeiro, bebida, sobremesa e café. Pero o prato forte da celebración foi a homenaxe á muller do rural, que contou cunha exposición de ferramentas e co descubrimento dunha placa conmemorativa que levou a cabo Carmen Ponte Liñares, unha veciña de 94 anos.

Homenaxear a tradición musical da parroquia é o obxectivo dun certame que existe dende varias xeracións atrás e que perdura entre a veciñanza máis nova. Pero na Riba non só hai músicos, por iso este ano a troula contou cunha especial homenaxe á labrega. Esta figura, que tamén segue presente hoxe en día é fundamental para comprender a historia desta zona do municipio bañés. Por iso, Carmen Ponte foi a invitada de honra desta edición, xa que a súa idade reflexa perfectamente a figura da traballadora do campo que pasou moitas penurias durante o pasado século XX.

O presidente da entidade organizadora, Pepe Ramos, dedicoulle unhas palabras de recoñecemento como posta en valor do patrimonio e dos valores do rural. Tras o pequeno discurso, descubriuse a placa conmemorativa.

Tamén houbo unha exposición de fotografías, vestimenta e ferramentas da época que mostraron a cantidade e variedade de labores que levaban a cabo as donas, tanto dentro como fóra do fogar.

OBRADOIRO

Por outra banda, o obradoiro de Emprego promovido polo Concello de Santa Comba en colaboración cos da Baña, Negreira e Val do Dubra, interveu no municipio bañense para limpar, desbrozar, sanear e repoboar a finca da Airoa. Con esta e con outras actividades, o taller promove a ocupabilidade de 16 alumnos traballadores da comarca que conseguen cualificación profesional.