El Correo Gallego

Noticia 6 de 30 noticia anterior de A Baña Área de Compostela » A Baña

José Antonio Pereira foi elixido alcalde da Baña cos votos de PSdeG e Compromiso por Galicia

“Faremos todo o posible para que o Concello da Baña volva estar nese punto onde tiñar que estar hai moitos anos”, dixo // Sorpresa e aplausos entre o público presente a comprobar que coa votación remataban 25 anos de goberno do Partido Popular // Tras o pleno de constitución da Corporación recibiu a felicitación de Andrés García Cardeso, que foi alcalde dende 1995

CONCELLO DA BAÑA  | 15.06.2019 
A- A+

José Antonio Pereira Gil foi elixido esta mañá alcalde do Concello da Baña no pleno de constitución da Corporación cos 4 votos do Partido Socialista e 2 de Compromiso por Galicia. Pereira agradeceu aos veciños e veciñas da Baña o apoio nas últimas eleccións, e aos concelleiros de CxG ous dous votos que lle permiten ao Partido Socialista recuperar a alcaldía da Baña tras 25 anos de goberno do Partido Popular. Andrés García Cardeso so contou cos cinco votos dos concelleiros do PP no pleno de hoxe.

“Asumo este proxecto cos meus compañeiros. Imos facer todo o que esté nas nosas mans para que o Concello da Baña volva a estar nese punto onde tiña que estar dende hai moitos anos”, asegurou José Antonio Pereira despois de prometer o seu cargo como novo alcalde da Baña. “Grazas a todos. Imos facelo ben, xa veredes”, afirmou entre unha sonora ovación de veciños e veciñas da Baña que abarrotaron o salón de plenos e, moitos, tiveron que seguir a sesión dende fora.

José Manuel Landeira, do Partido Popular, e David Gontán, de Compromiso por Galicia, foron os dous concelleiros que formaron a mesa de idade, por ser o de maior e menor idade, respectivamente, da Corporación. Landeira foi quen lle entregou o bastón de mando a José Antonio Pereira una vez ratificado o respaldo maioritario dos once concelleiros ao candidato do Partido Socialista.

Rematada a sesión, todos os membros da Corporación fixéronse unha foto de familia, antes de que a gran maioría dos asistentes felicitasen ao novo alcalde e aos outros tres concelleiros do Partido Socialista.

José Antonio Pereira é o terceiro alcalde da Baña dende que se celebraron as primeiras eleccións democráticas en 1979. O primeiro foi o tamén socialista Francisco Villaverde Marcos, que gobernou dende 1979 ata 1995, cando tomou posesión Andrés García Cardeso, do Partido Popular, quen agora lle deu o relevo a José Antonio Pereira.

A nova Corporación da Baña

A Corporación da Baña para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:
Partido Socialista: José Antonio Pereira Gil, Mónica González Blanco, Jesús Manuel Pena Varela, Ana Páramos Cebey.
Partido Popular: José Andrés García Cardeso, Alicia Blanco Sande, José Manuel Landeira Liñares, Manuel Tourís Fernández, María José Ramos Freita.
Compromiso por Galicia: César Ramós Domínguez, David Gontán Varela.