El Correo Gallego

Noticia 21 de 106 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Alba Carreño abriu cunha charla en Boiro o programa Mentoring Creativo

Varios emprendedores locais comparten cos alumnos dos institutos as súas experiencias

Carreño, sentada diante, de negro, co alumnado - FOTO: C. B.
Carreño, sentada diante, de negro, co alumnado - FOTO: C. B.

S. SOUTO   | 04.12.2019 
A- A+

O Concello de Boiro leva a cabo, un ano máis, o programa Mentoring Creativo, que pretende achegar ós estudantes os proxectos e experiencias persoais de xente nova do municipio e que ten como finalidade dar a coñecer á mocidade con talento e habilidades.

A primeira das sesións comezou no IES Praia Barraña, donde os alumnos de bacharelato asistiron a unha charla de Alba Carreño sobre a súa labor en Mobalco, unha firma adicada á fabricación de mobiliario de cociñas de deseño. Explicoulles detalles sobre a creación da empresa e cal é a labor que se fai nela, coa intención de inspiralos.

O municipio conta cun gran potencial creativo e emprendedor e con xente nova que, grazas a este proxecto, achega as súas experiencias ós centros educativos. Trátase de persoas que crearon negocios como La Doce, Moai, A Fiestra, Nude Atelier, Diane Onlooker, Serarte, Baldani, Ágora Café Literario e Triwus, e que amosarán o seu potencial no marco desta iniciativa.

Hoxe, ás 09.30 horas no IES Espiñeira, Sara Ollero falará do proxecto creativo DariaLuv. E o día 17 de xaneiro ás 11.15, a deseñadora Mónica Vigo achegarase ó IES A Cachada.