El Correo Gallego

Noticia 16 de 125 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Arranca un ciclo teatral boirense adicado á concienciación no eido medioambiental

Dende mañá haberá unha función cada venres, salvo o día dez, na casa da cultura e con entrada libre

S.S.   | 05.03.2020 
A- A+

O auditorio da casa da cultura Ramón Martínez López de Boiro acollerá nas vindeiras semanas unha nutrida programación teatral centrada na concienciación sobre a degradación do planeta, e que está moi comprometida coa promoción do coidado do medio ambiente.

O programa recolle espectáculos para público adulto e tamén infantil e familiar que se van realizar nos meses de marzo e abril.

A través da comedia e o humor, estas representacións pretenden chegar aos espectadores de todas as idades para espertar o seu interese e a súa capacidade crítica de análise sobre o mundo no que vivimos. O ciclo, que comeza mañá venres, correspóndese coa programación do primeiro semestre do ano da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia. O Concello boirense está dentro da Redes Galega de Teatros e Auditorios da Consellería de Cultura e Turismo para impulsar a distribución dos espectáculos galegos.

A primeira función será ás 21.00 horas e leva por título Sobre rodas, de Ainée Producións. Trátase dun monólogo cómico de Pepo Suevos para público adulto.

As seguintes previstas para marzo serán o día 13 a partir das nove da noite (O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro, unha comedia indicada para público adulto); o 20 ás 20.00 (a obra Mai Mai, de Baobab Teatro, para nenos maiores de 5 anos); e o 27 ás 21.00 (Cranios privilexiados, de Mofa e Befa, una comedia indicada para público adulto).

As restantes, xa en abril, van dirixidas a nenos e nenas maiores de cinco anos. Terán lugar o venres 3 ás 20.00 (Lambetadas, de Talía Teatro); o 17 ás 20.00 (O mago de Oz, de Teatro Avento); e o venres 24 ás oito do tarde (Carabelas, de Galeatro Producións).