El Correo Gallego

Noticia 24 de 49 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Boiro abre camiños ca segunda promoción da escola hostaleira

Dezaséis mozos e mozas recibiron onte os seus diplomas tras formarse 6 meses en operacións de cociña, bar e restaurante // Tamén aprenderon cuestións sobre informática, hixiene alimentaria ou orientación empresarial

Alumnos e autoridades posando tras os fogóns da Escola de Hostalaría de Boiro, onte - FOTO: ECG
Alumnos e autoridades posando tras os fogóns da Escola de Hostalaría de Boiro, onte - FOTO: ECG

SUSO SOUTO   | 27.03.2019 
A- A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, entregaron onte os diplomas ós 16 mozos e mozas da segunda promoción da Escola de Hostalaría ubicada no viveiro de empresas do polígono industrial.

Nove alumnos e sete alumnas, menores de 30 anos, recibiron cualificación nas especialidades de operacións básicas de cociña e de restaurante e bar, ao tempo que elaboraron menús sociais para familias en situación de necesidade (case sesenta) e almorzos saudables para o alumnado dos colexios. Tamén colaboraron en eventos gastronómicos e protagonizaron xornadas de showcooking para dar a coñecer o traballo que realizaron nestes 6 meses.

Ademais, formáronse en igualdade de xénero, sensibilización ambiental, informática, orientación empresarial, hixiene alimentaria e prevención de riscos laborais, entre outras cousas.

O representante da Xunta dixo que "a mocidade é un colectivo prioritario para a Administración autonómica" e destacou a importancia destes programas, salientando que "incidir na preparación é clave para favorecer o acceso a empregos de calidade".

Tamén destacou que este obradoiro "impulsa o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben nocións específicas que lles permitan iniciar despois os seus propios proxectos de negocio".

Pola súa banda, o rexedor indicou que o Concello leva apostando polos talleres de Garantía Xuvenil catro anos consecutivos. "O primero foi para maiores, pero os tres seguientes xa foron destinados á xuventude. Despois dos adicados a xardinería e adorno de espazos públicos, o ano pasado decidimos apostar polo ámbito da restauración", dixo. Ademais, lembrou que estas accións permiten aos participantes recibir un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

A financiación do goberno galego foi de 154.000 euros, ós que se suman os 22.600 aportados pola administración local.

Engadiu que "levamos investidos xa nestas instalacións máis de noventa mil euros, en informatización de aulas e oficinas, mobiliario, equipamento e calefacción". Finalmente, dixo que "acollerémonos en abril á nova orde de axudas para poñer en marcha a terceira promoción desde complexo do que saen profesionais preparados para poder traballar nun sector estratéxico para o turismo e para Galicia".

 


INSERCIÓN LABORAL. Na edición celebrada o ano pasado, na que tomaron parte outras 16 persoas, unha delas, Isolino Redondo Vidal, atopou traballo nada máis rematar as clases no restaurante Flores Playa de Torrevieja, en Alicante. Outras tres foron contratadas para cociñar a bordo de embarcacións.

areadecompostela@elcorreogallego.es

 

{ A LETRA PEQUENA }

Viveiro de capacitación

DESPOIS DE PERMANECER durante moitos anos no máis lamentable abandono, a medio rematar e sen contido, a Escola de Hostalaría de Boiro empeza por fin a coller velocidade de cruceiro e a cumprir co fin para o que foi concebido: formar profesionais. Os resultados son aínda débiles, pero xa permiten certificar que, cando se aposta pola capacitación laboral no sector, os beneficios nótanse en toda a cadea. Mágoa que o Concello boirense esté só neste empeño que debería contar ca implicación firme dos outros municipios da comarca e das organizacións empresariais. Pudo ter sido a Escola de Hostalaría do Barbanza. Pero algo é algo.

 

A PROTAGONISTA

Lidia Santos Torrado

Directora da escola hostaleira

"houbo varios contactos con empresarios"

A directora da Escola de Hostalaría boirense, Lidia Santos, destaca que, para os alumnos, tan importante coma a formación é poder ter a posibilidade de relacionarse directamente cos empresarios do sector, para que os coñezan e os vexan traballar. Neste sentido, durante o obradoiro participaron en varios showcookings ós que convidaron a responsables de empresas da comarca. "Houbo varios contactos", engade. Así, este complexo cumple unha segunda e importante función: a de fomentar un acercamento entre a oferta laboral e a demanda. Santos tamén dixo que "saen instruídos en diversos aspectos complementarios".