Miércoles 23.10.2019 Actualizado 20:47
Google    

El Correo Gallego

Noticia 25 de 87 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Boiro acolle vodas celtas, desfiles de hordas castrexas e talleres na rúa

SUSO SOUTO BOIRO  | 10.08.2019 
A- A+

A rúa peonil de Boiro acolle esta fin de semana o Mercado Castrexo, no que, ademais de medio cento de postos de artesanía e gastronomía, teñen lugar numerosos e variados espectáculos.

Hoxe, dende as once da mañá, haberá xogos tradicionais para os máis cativos, o campamento Clan de Breogán e pasarrúas musical con Upsala. E, ás 12.30 h., o carro dos soldados de Morigan e da deusa celta da guerra chegarán para apresar e transportar ós nenos e nenas. Logo terá lugar o desfile das hordas castrexas polo mercadiño. Estas actividades repetiranse pola tarde e, ás 22.30 h., oficiaranse vodas celtas, cun druida, música e queimada. Poderase anotar quen queira casar por este rito ancestral que se renova anualmente.

Mañá domingo, ás 11.00 horas, abrirase a zona infantil de animación. Despois serán o pasarrúas de Upsala e o de zancos e mazas de Mónica Atómica, así como o desfile de hordas castrexas, os espectáculos aéreos e de chan.

Pola tarde, dende as seis, os máis pequenos terán de novo campamento e zona de xogos. Repetiranse os shows da mañá e ás once da noite será o de lume e malabares. Media hora máis tarde terá lugar o pasarrúas de remate con Upsala, as hordas castrexas e Mónica Atómica. Así mesmo, hai obradoiros de cestería ás oito da tarde e de reprodución de cerámica ó mediodía.

A Eira dos Nenos de Xoaniña Xogos, con zona de tiovivos, está aberta no horario do mercado (de once da mañá a tres da tarde e de cinco da tarde á medianoite) na praza consistorial.

Numerosas persoas están a desfrutar desde onte venres deste recinto no que Boiro viaxa no tempo cunha variada oferta lúdica para todas as idades.