El Correo Gallego

Noticia 17 de 125 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Boiro impulsa a primeira campaña de dinamización demográfica coa USC

Convocan un concurso en busca de propostas para lograr aumentar o número de habitantes

S. S.   | 06.03.2020 
A- A+

O Concello de Boiro está a colaborar coa Universidade de Santiago de Compostela para realizar un concurso de dinamización demográfica e territorial, o primeiro que se leva a cabo nun municipio da comunidade galega.

O obxectivo principal desta iniciativa é conseguir propostas para aumentar o número de habitantes.

Segundo informaron onte dende o goberno municipal que preside o alcalde José Ramón Romero, a administración local boirense vai poñer en marcha este interesante proxecto que comezou a desenvolverse despois dos contactos mantidos entre o executivo local e o departamento de Xeografía da citada universidade, en concreto, co profesorado-investigador que na actualidade imparte a materia de Xeodemografía do Grao en Xeografía e Ordenación do Territorio.

Esta proposta ten unha doble finalidade. Por un lado, fomentar no alumnado a posta en funcionamento dun proxecto que se poida levar a cabo nun municipio e, polo outro, poñer en práctica as súas ideas para aumentar o número de habitantes da localidade de Boiro, ante o reto de chegar aos vinte mil habitantes.

No mencionado certame que convoca o Concello poden participar alumnos, xa titulados, das tres universidades galegas.

Para poder participar, os interesados poden presentar as súas propostas ata o vindeiro día trinta de abril.

As persoas que finalmente resulten ser as autoras da proposta gañadora da convocatoria recibirán unha gratificación económica de trescentos euros. Ademais, o premio consiste tamén na posta en marcha da súa iniciativa.