El Correo Gallego

Noticia 59 de 62 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Boiro redimensionará o ximnasio da piscina e substituirá a súa cuberta

Dotarase dun equipo para renovar o aire de xeito automático, con sensores de humidade

Dieste, esquerda, e Lete atenden ó arquitecto Piña - FOTO: ECG
Dieste, esquerda, e Lete atenden ó arquitecto Piña - FOTO: ECG

S. S.   | 01.03.2019 
A- A+

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou onte en Boiro o complexo polideportivo da Cachada, unha infraestrutura que será obxecto de mellora ao longo deste ano. Acompañado polo alcalde da localidade, Juan José Dieste, e polo arquitecto Emilio Piña, anunciou a reforma do ximnasio da piscina municipal, unha actuación que terá un investimento de 60.000 euros da Xunta de Galicia para un custo total de 81.000 euros.

Durante a súa intervención, destacou que estas obras, que se executarán tanto na cara norte como na sur das instalacións, contarán con material de última xeración para acadar un servizo "moderno e adaptado" que responderá ás necesidades do concello.

O proxecto contempla duplicar o espazo actual, pasando de 98 a 196 metros cadrados. Substituirase tamén a cuberta de formigón (que estaba a provocar infiltracións de auga) por outra de madeira laminada, dándolle ó mesmo tempo máis altura interior ó local.

Por outra banda, colocaranse iluminación Led e un sistema dinámico de renovación de aire, con sensores de humidade, que realizará esa operación automaticamente catro veces por hora.