El Correo Gallego

Noticia 19 de 106 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Boiro renova a sala de estudo do centro social do municipio

Unha reorganización do espazo posibilitou a instalación de máis mesas // Aumenta a súa capacidade e gaña luz natural

Imaxe da renovada aula de estudio do centro social de Boiro - FOTO: Concello de Boiro
Imaxe da renovada aula de estudio do centro social de Boiro - FOTO: Concello de Boiro

MARTA TORRES   | 26.11.2019 
A- A+

O Concello de Boiro vén de facer unha reforma e modificación na aula de estudo do centro social da vila. A sala do primeiro andas, habilitada para a lectura, contaba cun espazo de biblioteca que estaba en desuso e que limitaba a súa capacidade. A actuación levada a cabo consistiu principalmente en retirar os estantes para facer unha reorganización do espazo e dar cabida a máis mesas e, polo tanto, que máis xente poida facer uso das instalacións municipais.

Coa retirada dos estantes o espazo gañou en luz natural e coa instalación de novas mesas gañáronse uns dez sitios. Estaban en desuso noutras instalacións municipais e contan con luz integrada e, ademais, as mesas foron dotadas de máis enchufes para que os usuarios poidan empregar os dispositivos electrónicos.

Asemade, ao aumento de espazo na aula de estudo súmase o acondicionamento dunhas mesas grandes no cuarto contiguo, pensadas para ser empregadas para a realización de traballos en grupo.

Dende a alcaldía destacaron que a aula de estudo do centro social de Boiro ten unha gran afluencia de xente que cada día utiliza as instalacións para realizar diferentes actividades académicas. É por iso que o Concello veu necesaria "unha modificación da aula, ampliando a súa capacidade e dotándoa tamén de mellores servizos que son fundamentais para os usuarios, como os puntos de luz", sinalaron.