El Correo Gallego

Noticia 15 de 65 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Boiro xa luce as bandeiras azuis en Carragueiros e no náutico de Cabo de Cruz

É o municipio coruñés con máis distintivos e o único da comarca do Barbanza // Contará con 7 este verán

Pola esquerda, José Ramón Romero e Valentín González no acto de izada das bandeiras - FOTO: D.A.C.
Pola esquerda, José Ramón Romero e Valentín González no acto de izada das bandeiras - FOTO: D.A.C.

MARTA TORRES BOIRO   | 06.07.2019 
A- A+

As praias de Boiro xa lucen dende onte os distintivos azuis. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, participaron onte no acto oficial de izado de dúas das sete bandeiras coas que conta este verán a localidade boirense e que a sitúan, xunto con Arteixo, no municipio coruñés con maior número de ensignias nos seus areais.

Na praia de Carragueiros, xunto aos socorristas contratados polo concello para garantir a seguridade no litoral durante a tempada estival, González Formoso destacou que o elevado número de distincións "converte a Boiro, un ano máis, nun referente turístico na provincia da Coruña", xa que o distintivo recoñece a excelente calidade das augas, a preservación do medio ambiente na contorna e a existencia de servizos e accesibilidade adecuada.

O presidente da corporación provincial destacou "o bo traballo" dos dez municipios costeiros coruñeses, que suman un total de 38 bandeiras azuis, máis dun terzo do total de 107 concedidas en Galicia este verán.

Pola súa banda, José Ramón Romero resaltou que dous dos areais boirenses reciben a maiores o distintivo Q, que avala a calidade turística dun total de 21 praias na comunidade galega. "Debemos garantir os servizos, ano a ano, e a calidade das praias e outros areais en canto accesibilidade, seguridade, limpeza e calidade das augas", apuntou.

Posteriormente, Formoso e Romero izaron tamén a bandeira azul nas inmediacións do Náutico de Cabo de Cruz, onde corenta nenos e nenas participaron esta semana no primeiro curso da Campaña de Vela da Deputación e aprenderon a navegar en augas da Ría de Arousa. Formoso e o alcalde clausuraron a actividade e conversaron cos alumnos acerca dos coñecementos que adquiriron nestes días sobre a práctica deste deporte.

Cabe lembrar que o municipio boirense lucirá durante o período estival un total de sete bandeiras azuis (as mesmas do ano pasado) en Barraña, Carragueiros, Mañóns, Retorta, Barraña-Saltiño, Ladeira do Chazo e Piñeirón. Os outros municipios coruñeses onde ondeará a bandeira azul este verán son A Coruña (5), Oleiros (5), Ferrol (4), Carballo (3), Ponteceso (3) e Dumbría, Camariñas, Laracha e Miño.

Recoñecementos

Os recoñecementos que entrega anualmente a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) recoñeceu este ano un total de 107 praias da comunidade autónoma, dúas menos que en 2018, e a doce portos deportivos autonómico, tres menos que na edición anterior. Así, o número total de emblemas marítimos baixa dos 124 aos 119 que foron concedidos.

Os municipios aos que corresponden o maior número de estandartes para os seus areais son Boiro, Arteixo, Oleiros e A Coruña (na provincia coruñesa); Foz en Lugo e Sanxenxo en Pontevedra, seguido de Vigo, Cangas, Marín e Baiona.

A costa galega acapara case o 20% das 566 bandeiras outorgadas a praias españolas. A comunidade valenciana lidera a clasificación con 135 recoñecementos, seguida de Galicia (107), Cataluña (97), Andalucía (79), Baleares (44) e Canarias (43).