El Correo Gallego

Noticia 10 de 49 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Cheo total en Boiro no encontro sobre cultura e empresa

Expuxeron as receitas do éxito de Casa da Avoa, farmacia Cimadevila, Granbazán e Marisquiño

Asistentes á celebración do Fálame Sempre na sede da patronal de Boiro - FOTO: ABE
Asistentes á celebración do Fálame Sempre na sede da patronal de Boiro - FOTO: ABE

SUSO SOUTO BOIRO   | 27.04.2019 
A- A+

Numerosas persoas abarrotaron na noite do pasado xoves o salón de actos da asociación de empresarios de Boiro durante a celebración dunha nova edición do Fálame Sempre, un encontro sobre cultura e empresa (antes denominado Pecha Kucha) no que se deron a coñecer catro experiencias innovadoras con empresas creativas de Galicia.

Unha delas foi a farmacia local Cimadevila, representada pola súa titular, Carmen Pouso, que explicou o seu traballo a prol da loita contra o cancro coa organización dunha andaina solidaria que este ano superou todas as expectativas.

Pola súa banda, Cristina Dominguez, responsable do departamento de exportación da adega Granbazán, destacou que "foi pioneira en incorporar persoal cualificado, ademais do desenvolvemento da maceración en frío e da elaboración de dous tipos de viño en función do proceso e a selección de calidade".

Carlos Dominguez, promotor dun dos festivais máis importantes do mundo, o Marisquiño, resaltou que "dende 2001 ata hoxe converteuse no maior evento de cultura urbana e deportes de acción do sur de Europa" e que "reúne durante tres días máis de dez competicións deportivas, así como distintos eventos culturais como break dance, exhibicións de graffiti, música en directo, etc.".

Asimesmo, Vitorio e Abel, da empresa de Outes Casa da Avoa, explicaron que venden os seus produto (entre outros, embutidos gourmet) en toda a península mesturando ingredientes típicos da gastronomía galega xunto a un deseño moderno e pouco convencional. Dende chouriciños albariños en aceite de oliva ata fuet con pasas.

Non puideron acudir representantes de Mahou. Os asistentes degustaron uns pinchos e uns viños.