El Correo Gallego

Noticia 26 de 62 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Fálame Sempre reunirá en Boiro a 5 firmas innovadoras

Chegará o xoves día 25 ata a patronal e participará, entre outras, unha empresa de embutidos gourmet

SUSO SOUTO BOIRO  | 21.04.2019 
A- A+

A Asociación Boirense de Empresarios e o Concello de Boiro organizaron para o vindeiro xoves día 25 a oitava edición do Encontro da Empresa e a Cultura Pecha Kucha, unha actividade sobre experiencias innovadoras de firmas creativas que este ano cambia de nome e pasa a chamarse Fálame Sempre. O formato segue sendo o mesmo: os cinco participantes exporán as súas iniciativas proxectando 20 imaxes.

Un dos convidados é a farmacia local Cimadevila, que fixo unha aposta decidida pola modernización e que leva a cabo un intenso traballo a prol de causas tan nobres coma a loita contra o cancro coa organización dunha andaina solidaria que na súa última edición superou todas as expectativas. Ademais, foi nomeada ó Premio ó Mellor Comercio do Ano 2017 polos socios desta entidade empresarial.

Tamén participará A Casa da Avoa, de Serra de Outes, que elabora embutidos gourmet mesturando ingredientes típicos da gastronomía galega cun deseño moderno e pouco convencional para conseguir un produto innovador, fomentando a economía da zona e intentando que todos os puntos de elaboración sexan da zona para conquistar un mercado global mediante a súa venta por Internet. Ademais, deseñan os seus propios packs.

E tamén estará a adega Granbazán, de Vilanova de Arousa, fundada no ano 1981 no Val do Salnés, en pleno corazón das Rías Baixas. Dende os seus orixes, foi pioneira en incorporar persoal cualificado, ademais do desenvolvemento da maceración en frío e da elaboración de dous tipos de viño en función do proceso e a selección de calidade.

A plantación de uva albariña levada a cabo na finca de Tremoedo pasou a ser modelo e exemplo a seguir para moitas explotacións dentro da Denominación de Orixe. Ademais, deu mostras dun continuo inconformismo: dende a meticulosa preparación do viñedo, ata o acondicionamento do espazo onde albergar os viños embotellados, pasando por unhas instalacións de transformación eficientes, que cumpren os mais estritos parámetros de hixiene.

Nos vindeiros días desvelaranse as outras dúas firmas que se sumarán a este evento, que terá lugar no salón de actos da sede da patronal boirense.