El Correo Gallego

Noticia 58 de 62 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Plantar e cociñar: do patio ás aulas

Alumnos do CEIP Santa María do Castro, de Boiro, usarán os produtos do seu horto nos obradoiros culinarios

Rapaces do colexio boirense nunha actividade adicada a Rosalía de Castro.  - FOTO:  CEIP S.M.C
Rapaces do colexio boirense nunha actividade adicada a Rosalía de Castro. - FOTO: CEIP S.M.C

SUSO SOUTO  | 04.03.2019 
A- A+

O CEIP Santa María do Castro de Boiro está apostando por proxectos ambiciosos para favorecer a innovación educativa e a formación permanente do profesorado. Os 152 alumnos compatibilizan as clases con actividades complementarias nas que fan un seguimento diario dos datos dunha estación meteorolóxica, cultivan un horto ecolóxico usando os compost que instalaron, e fomentan o ocio inclusivo nos recreos.

Rapazas e rapaces de todos os niveis fan semilleiros, plantan, regan e recolectan produtos típicos da zona e de tempada (cenorias, remolacha, cabazas, leitugas, guisantes, fabóns). Tamén separan os residuos e potencian o uso de material de plástico reutilizable.

E, como outra das curiosas iniciativas do centro é un obradoiro de cociña, en canto maduren as primeiras froitas e estén a punto as verduras e legumes, empezarán a utilizalas xa para as clases prácticas deses talleres.

Por outra banda, no patio teñen unha instalación científica na que analizan a temperatura máxima e mínima e o nivel de choiva, fan climogramas estacionais e mesmo recompilan refráns sobre o tempo. O día dez de abril acudirá ó colexio María Souto, traballadora de Meteogalicia, para darlles unha charla.

E, no tempo de lecer, promoven alternativas para todo tipo de alumnado. Buscan incluir a cada neno e nena para que se sinta aceptado, independentemente das súas características persoais, favorecendo un clima de entendemento e respecto e previndo posibles situacións de acoso escolar ós máis vulnerables, pero atraendo tamén ós que, simplemente, non gustan do de sempre (por certo: en xuño terán a II Semana Cultural, adicada ós xogos e deportes tradicionais e modernos).

Ademais, este curso abriuse o comedor os luns e os mércores e para o vindeiro funcionará de luns a venres con monitores de 13.30 a 16.00 horas e haberá un servizo de ludoteca diario de 16.00 a 18.00 horas.