El Correo Gallego

Noticia 10 de 92 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Sogama forma aos boirenses cun curso adicado ao autocompostaxe

Chega hoxe ao centro social de Abanqueiro, e os participantes van ter composteiros

MARTA TORRES   | 21.10.2019 
A- A+

Tras a adhesión do Concello de Boiro ao programa de compostaxe doméstico de Sogama, os veciños do municipio poderán participar hoxe, día 21 de outubro, nun curso de formación presencial impartido por técnicos desta empresa pública no que se explicarán os pormenores da autocompostaxe.

A cita terá lugar no centro social de Abanqueiro, ás 19.00 horas, e estará dirixida fundamentalmente ás trinta familias que participarán na primeira fase desta iniciativa e que, en todo caso, deben habitar en vivendas unifamiliares con terreo -unha horta ou xardín- no que aplicar o compost resultante.

Asemade, a xornada será aproveitada polo ente local para entregar aos asistentes outros tantos composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que permitirán desenvolver a técnica dunha forma máis cómoda e hixiénica, segundo apuntaron desde Sogama.

Durante a sesión, os monitores, apoiados con distintos recursos didácticos e divulgativos, explicarán o proceso a seguir: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar en contacto coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, así coma o control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. O obxectivo último é que os usuarios poidan obter un compost de alta calidade que cumpra con todos os requisitos que esixe a normativa e que poida ser aplicado con plenas garantías.