El Correo Gallego

Noticia 11 de 92 noticia anterior de Boiro Área de Compostela » Boiro

Veciños de Boiro van iniciarse na compostaxe

A este programa, que promove a entidade Sogama, está adherido o Concello

M. T.   | 23.10.2019 
A- A+

Unha trintena de familias boirenses xa teñen nas súas casas un composteiro para a materia orgánica. Unha iniciativa na que participan que se enmarca dentro do programa de compostaxe doméstico ao que está adherido o Concello de Boiro, que promove Sogama e que ten como obxectivo estender as prácticas de autocompostaxe nas vivendas da localidade para lograr unha xestión máis sostible do lixo.

Desde a alcaldía din que no municipio boirense xéranse unhas 6.908 toneladas ao ano de residuos que van ao contedor xenérico, das cales un 40 % corresponde á fracción orgánica. Sinalan que o que se pretende "é reducir a cantidade de materia valorizable que se deposita".

Así, con este programa piloto, posto en marcha este ano nunhas trinta vivendas unifamiliares dos núcleos de Abanqueiro e Cespón, buscan impulsar a compostaxe nos fogares co obxectivo de que esta práctica se faga de xeito xenérico no municipio.

Na entrega dos composteiros participaron o mandatario local, José Ramón Romero; a concelleira de Medio Ambiente, Marisa Collazo; varios técnicos municipais e representantes de Sogama. Ademais, todos os inscritos no programa de compostaxe doméstica recibiron unha formación inicial sobre o modo de emprego.