El Correo Gallego

Noticia 33 de 73 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Boqueixón busca dinamizaros mercados dominicais

Pon en marcha o programa Feiras Activas para potenciar as que se celebran en Lestedo e Rodiño // Hoxe, ás 12.30 horas, terá lugar o espectáculo 'Cirkote' // Continuarán as actividades os días 1, 8 e 15 de setembro

Imaxe de arquivo da ponte iluminada coas candeas durante a Noite Velada - FOTO: C.B.
Imaxe de arquivo da ponte iluminada coas candeas durante a Noite Velada - FOTO: C.B.

CLAUDINA ESTÉVEZ  | 11.08.2019 
A- A+

O Concello de Boqueixón estrea hoxe o seu programa Feiras Activas. Trátase dunha iniciativa impulsada a través dos Departamentos de Cultura e Turismo coa que se pretende incentivar e potenciar os mercados de Lestedo (no primeiro e terceiro domingo de cada mes) e de Rodiño (o segundo domingo de mes) aportando un valor engadido a través de propostas culturais e de lecer.

O rexedor boqueixanés, Manuel Fernández, explicou que "dende o Concello quixemos por en marcha este programa de dinamización das nosas feiras dominicais co fin de darlles un novo pulo", asegurou.

"Pretendemos ofrecer un motivo máis para que a xente se achegue tanto a Lestedo como a Rodiño para coñecer de primeira man os nosos mercados dominicais e aproveitar para visitar estas localidades e mercar ou consumir nos seus establecementos comerciais e hostaleiros", indicou.

A primeira das propostas desenvolverase hoxe na Carballeira de Rodiño, coincidindo, ademais, coa Feira da Xudía. As actividades desta última inclúen misa na Capela de San Bieito ás 11.00 horas, actuación do grupo Son de Gaita, ademais de inchables para a cativada e degustación gratuíta de xudías. A maiores, Feiras Activas dará comezo ás 12.30 horas co espectáculo Cirkote. Kote Malabar será o protagonista desta sesión gratuita apta para todos os públicos que terá lugar na Carballeira de Rodiño.

A seguinte cita enmarcada nesta iniciativa será xa o 1 de setembro, ás 12.30 horas, no Campo da Feira de Lestedo, co espectáculo Rogelio, un pallaso en recuperación, protagonizado pola compañía Assircópatas. O domingo 8 de setembro, na Carballeira de Rodiño, ofrecerase ás 12.30 horas o show Historias que veñen e van, que é un monólogo de Cándido Pazó. Continuarán as actividades o 15 de setembro no campo da feira de Lestedo. Ás 12.30 horas será o turno de Volta e Dalle Teatro, que ofrecerán o seu espectáculo Rodesindo da Barrosa.

As propostas continuarán nos vindeiros meses con disintos tipos de actividades. Entre elas, atópanse tanto un magosto (previsto para o outono) e unha feira micolóxica.

 


NOITE VELADA Hai que lembrar que o Concello celebrará hoxe, tras ter que cambiar a cita de día por mor das condicións metereolóxicas adversas, a Noite Velada. De momento conservarase o programa que estaba previsto para o pasado venres día 9. Polo tanto esta iniciativa estará amenizada polas actuacións de Estralampo, Luz do Ilicinio, Muxicas da Silveira e Manoele de Felisa.

As persoas que acudan a esta cita disporán tamén de diversos postos de comida e bebida nos que aproveitar para gozar dunha cea acompañada por distintos ritmos musicais. Á luz das centos de candeas que iluminarán a histórica ponte, a Noite Velada concluirá cunha representación do conxuro da queimada e unha degustación para todas as persoas asistentes. A actividade, que é de balde, pretende aunar a tradición e a cultura envolta coa imaxe da ponte histórica de Ponte Ledesma que se alumeará coa luz das candeas. Dende o concello animan a veciños e visitantes a asistir.