Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Boqueixón celebrará o 16 de xuño a Cerimonia do Lume Sagrado

A ofrenda será o 22 en Santiago e os interesados xa poden anotarse no Concello

    Boqueixón. O Pico Sacro será o próximo 16 de xuño escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado. As tribus celtas de Boqueixón e de Callobre uniranse neste emblemático lugar para facer o rito co que os antergos celebran a chegada do solsticio de verán.

    Esta cita inclúese dentro do programa Un mes e Pico e como en anteriores ocasións os que queiran poderán participar nesta representación e tamén na da Ofrenda do Lume Sagrado, que será o 22 deste mes en Santiago. A vestimenta correrá de man da organización. Para asistir hai que formalizar a inscrición a través do número de teléfono 981 513 061 ou no correo electrónico boqueixonturismo@gmail.com.

    A representación do ritual celta comeza co encontro das tropas na entrada ao cumio do Pico Sacro. Encabezados pola Raíña Alda e polo Druida, o desfile continúa ata a capela de San Sebastián. Diante da ermida o Druída fai uso do seu bastón para concentrar a luz solar e así crear lume grazas á forza do Astro Rei. Estas chamas serven para acender as candeas que logo a Raíña Alda e os integrantes das tribus de Boqueixón e Callobre colocarán dentro da ermida. Todos os que o desexen poden empregalas para levar cadanseu Lume Sagrado e acender as cacharelas de San Xoán, xa que estará custodiado na capela de San Sebastián ata o 23 de xuño.

    O día anterior, o 22, será a ofrenda en Santiago. As dúas tribus celtas reuniranse na Carballeira de Santa Susana (na alameda compostelá) para despois iluminar cos seus fachos as rúas da zona monumental de Compostela e finalizar en Mazarelos.

    03 jun 2019 / 23:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito