El Correo Gallego

Noticia 37 de 58 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Boqueixón intensifica a loita contra a velutina coa entrega de trampas

Repartíronse máis de medio cento entre os veciños e ensinouse a facelas caseiras

C. E.   | 26.03.2019 
A- A+

O Concello de Boqueixón está a intensificar a súa loita contra a velutina coa entrega dun total de 55 trampas entre os veciños. O reparto realizouse na sala de usos múltiples do consistorio e acudiron cerca de sesenta persoas interesadas en aprender a reducir o impacto desta especie invasora.

A agrupación de voluntarios de Protección Civil encargouse de ofrecer unha sesión formativa a todos os participantes. Explicáronlles a evolución deste insecto no territorio galego e as súas características distintivas. Ademais, lembraron que a primavera é a mellor época para loitar contra elas, posto que "é cando as raíñas saen do seu letargo invernal para iniciar a creación dos niños", indicaron.

Cada solicitante recibiu un pack cun recipiente con forma de mazá, cunha capacidade de 2,4 litros, ecolóxicas e reutilizables, e a dose exacta de líquido atraente que se lle debe botar (de 300 mililitros). A maiores, tamén se explicou á veciñanza como elaborar trampas caseiras con refugallos que se poden atopar en todos os fogares e que funcionarían como reforzo ás xa entregadas.

Ao igual que o ano pasado, os efectivos farán un seguimento das capturas que se realicen nas vindeiras semanas. En 2018 atrapáronse máis dun milleiro de exemplares, reducindo, deste xeito, o impacto no municipio. Dende o executivo local lembran que a campaña aínda está aberta. Os interesados en adquirir o mencionado utensilio de balde poden solicitalo chamando ao número de teléfono 981 513 061 ou remitindo un correo electrónico ao enderezo concello@boqueixon.com.