El Correo Gallego

Noticia 20 de 23 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Boqueixón e Vila de Cruces conmemoran a batalla de 1809

Celebrarase unha nova edición das visitas teatralizadas a Ponte Ledesma os días 9 e 17

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, no centro, en Ponte Ledesma - FOTO: C. B.
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, no centro, en Ponte Ledesma - FOTO: C. B.

A. PRADA BOQUEIXÓN  | 26.02.2019 
A- A+

Os concellos de Boqueixón e de Vila de Cruces presentaron onte a segunda edición das Visitas Teatralizadas a Ponte Ledesma-Gres. C­elebraranse os sábados días 9 e 17 de marzo, ás 12.00 horas, e nelas reviviranse as batallas napoleónicas libradas na propia ponte, este ano conmemorando o seu 210 aniversario. A presentación contou coa participación do alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín, e do da citada localidade do Deza, Jesús Otero Varela, así como da concelleira de Servizos Sociais, Ana Seijo, xunto a persoal técnico das dúas administracións locais.

Fernández Munín destacou o éxito de público e a elevada valoración que obtivo esta actividade o ano pasado e desexou que sirva para atraer numerosos visitantes ao lugar. Pola súa banda, Otero Varela explicou que a iniciativa este ano "para nada será unha repetición", posto que haberá diversas novidades.

Tamén estiveron presentes o actor Suso Martínez, encarnado no capitán do exército de Trasdeza, Benito Martínez, e un oficial napoleónico. El exercerá como guía e adiantou que este tipo de propostas "permiten que as persoas que as visiten coñezan capítulos históricos relevantes vinculados a lugares tan emblemáticos e singulares como Ponte Ledesma".

Os interesados en desfrutar destas actividades gratuítas deberán inscribirse ben no Concello de Boqueixón (chamando ó número de teléfono 981 513 061 ou enviando un email a boqueixonturismo@gmail.com), ben no de Vila de Cruces (neste caso o número é 986 582 017 e o enderezo electrónico é concellodeviladecruces@gmail.com).

Finalmente, compre indicar que o período para anotarse conclúe o venres anterior a cada unha das representacións.