El Correo Gallego

Noticia 13 de 71 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Cerimonia do Lume Sagrado e ruta fotográfica o domingo no Pico Sacro

Tribos celtas van recrear o rito co que se daba a benvida ao solsticio de verán

A. P.   | 13.06.2019 
A- A+

O próximo domingo, día 16, o programa Un mes e Pico chega ao seu fin. E faino coa tradicional Cerimonia do Lume Sagrado, que será ás 13.00 horas no Pico Sacro. Esta actividade, organizada polo Concello boqueixanés e pola Asociación Cultural do Castro da Fervenza de Callobre, comprende a representación da tradición ancestral coa que se daba a benvida ao solsticio de verán. Para iso, as tribos celtas de Callobre e Boqueixón farán un encontro na base do cumio do monte sagrado para despois desprazarse ata a capela de San Sebastián, onde procederán á realización da cerimonia.

A raíña Alda e o druída empregarán a forza do sol para acender o lume co que se iluminará a noite de San Xoán. Estarán rodeados polas súas tribos, que serán veciños e visitantes que se animen a participar na posta en escea. Para formar parte da cerimonia hai que poñerse en contacto co departamento de Turismo a través do número 981 513 061 ou no correo boqueixonturismo@gmail.com. A organización aportará a vestimenta e todo o material que será preciso para a recreación.

De xeito paralelo, a administración local, en colaboración con Compos Tours e Xaime Cortizo, organizarán este domingo 16 pola mañá un roteiro fotográfico no Pico. O punto de encontro será o Centro de Interpretación, lugar no que comezará un taller ás once da mañá. Ás doce menos cuarto iniciarase a subida guiada ao monte sagrado, coincidindo coa benvida ao solsticio estival. A actividade é de balde, previa inscrición no 678 894 867, en compostours@gmail.com ou en dito email.