El Correo Gallego

Noticia 11 de 73 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Luz verde á EDAR de Sergude tras o trámite medioambiental

Permitirá dar servizo a uns tres mil habitantes e tamén ao polígono industrial da Susana // Esta depuradora ronda os 1,8 millóns de euros e contará con fondos Feader // O proxecto debe ser aprobado polo pleno

Ovidio Rodeiro, 2.º esquerda, e o alcalde Manuel Fernández, 4.º, nos terreos da futura EDAR - FOTO: Xunta de Galicia
Ovidio Rodeiro, 2.º esquerda, e o alcalde Manuel Fernández, 4.º, nos terreos da futura EDAR - FOTO: Xunta de Galicia

A. PRADA   | 10.08.2019 
A- A+

O proxecto da nova depuradora de Sergude acaba de superar o trámite medioambiental. Así o ratificou onte o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, durante a súa visita, na que estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, aos terreos nos que se construirá a infraestrutura. O investimento previsto pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para esta estación ronda os 1,8 millóns de euros e contarán con fondos Feader.

Segundo explicaron dende a Xunta, a futura EDAR contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, separando en tres contedores diferentes os residuos sólidos, as graxas e as areas. Tras este proceso sitúase o tratamento biolóxico, cunha capacidade media de 44 metros cúbicos de auga á hora, aínda que tamén pode tratar ata 81 metros cúbicos. En caso de chuvias torrenciais que superen este caudal, o exceso enviarase a un depósito de retención ou tanque de tormentas.

O tratamento biolóxico estará conformado por un sistema de lodos activados por aireación prolongada en baixa carga, que contarán con dous axitadores para a produción de osíxeno. O seguinte proceso será o da decantación secundaria, integrada por dúas liñas, onde os lodos se separarán por gravidade a un pozo de bombeo para a súa posterior deshidratación.

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, explicou que esta nova EDAR "suporá unha mellora moi considerable na dotación do servizo de saneamento á nosa veciñanza, xa que contará cunha maior capacidade", asegurou. Lembrou asemade que unha vez completado o trámite medioambiental "o proxecto deberá ser aprobado polo pleno municipal de Boqueixón, que aportará tamén os terreos precisos para a súa construción" e someterá o expediente a exposición pública antes do comezo das obras.

Está por tanto cada vez máis próxima a posta en marcha dos traballos que os boqueixaneses levan anos agardando. Concretamente foi en xullo de 2016 cando a Consellería de Medio Ambiente e Concello asinaron un convenio para executar a nova estación depuradora, que permitirá conectar o saneamento dos núcleos máis próximos e que vai facilitar a ampliación de chan industrial.

Esta inversión inscríbese na aposta da Xunta por seguir traballando a favor do abastecemento e o saneamento. A nova foi moi ben recibida non só polo goberno local, senón tamén pola veciñanza, que é consciente de que non levar a cabo unha correcta depuración de augas residuais urbanas pode ter efectos moi negativos sobre o medio e a saúde, xa que supón o vertido de augas con contaminantes procedentes da actividade humana.

{ A OLLADA }

Calidade ambiental

con moita demora chegará a nova depuradora a Sergude, tendo en conta que xa hai tres anos que se asinou entre Xunta e Concello o convenio para executar a EDAR. Non obstante, como soe dicirse, o bo faise agardar. O importante é que agora, ao pasar o trámite medioambiental, o proxecto está xa moito máis cerca de facerse realidade. Unha moi boa nova para toda a veciñanza, posto que hai que pensar na gran importancia de facer unha correcta depuración das augas residuais. E é que unha das principais alteracións dos vertidos nas augas é a disminución do osíxeno, afectando así a fauna e flora. Unha gran noticia tamén para o medio.

O PROTAGONISTA

Ovidio Rodeiro

Delegado territorial da Xunta "triplica a capacidade da actual"

Ovidio Rodeiro destacou que a futura depuradora de Sergude "permitirá triplicar a capacidade da infraestrutura actual e dar servizo a máis de 3.000 veciños". O proxecto, que acaba de pasar a tramitación ambiental autonómica, "deberá ser agora aprobado polo pleno municipal de Boqueixón, que tamén aportará os terreos necesarios e someterá o expediente a exposición pública antes de que den comezo as actuacións", apuntou o delegado territorial da Xunta. O proxecto ten un custe de 1,8 millóns de euros, lembrou Rodeiro, "polo que queda garantido o servizo de saneamento e depuración óptimo para os vindeiros anos nas parroquias de Lestedo e Sergude e para o polígono industrial da Susana", concretou. A nova EDAR contará cunha primeira estrutura de pretratamento da auga, engadiu tamén o delegado territorial no tocante ao proxecto.