El Correo Gallego

Noticia 25 de 37 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Nova posta en valor do Pico Sacro a través do Parabéns

Román Rodríguez e Ovidio Rodeiro subindo ao Centro de Interpretación do Pico. - FOTO: XUNTA DE GALICIA
Román Rodríguez e Ovidio Rodeiro subindo ao Centro de Interpretación do Pico. - FOTO: XUNTA DE GALICIA

MARÍA RENDUELES BOQUEIXÓN   | 04.03.2019 
A- A+

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, visitou onte o Pico Sacro, onde están a piques de rematar as obras do proxecto para a posta en valor deste emblemático monte e da súa contorna. Nestas actuacións invístense 388.000 euros, concedidos a través do Premio Galicia Parabéns 2017.

O primeiro dos traballos que se fixo, a finais de 2017, foi a demolición dunha estrutura de formigón inacabada na subida ao cumio, que databa dos anos 70. Tamén se substituíu a cuberta do actual depósito municipal de augas por outra de tipo vexetal.

Por outra banda, se realizaron traballos de limpeza nas covas do Pico, baixo a supervisión de especialistas para non danar a estrutura das galerías. De xeito paralelo, leváronse a cabo actuacións forestais como limpar o terreo da Capela de San Sebastián, así como a plantación de especies arbóreas e arbustivas autóctonas para recuperar a beleza da paisaxe natural deste enclave.

O Galicia Parabéns tamén permite levar a cabo unha profunda rehabilitación do Centro de Interpretación situado na antiga casa reitoral de Lestedo. Substituíuse a carpintería das fiestras e recuperouse o chan da planta baixa, ademais das labores de drenaxe e climatización. Finalmente, estase a rematar a mellora no roteiro entre o centro e o cumio do Pico, que coincide en parte coa Vía da Prata.

CONVOCATORIA

O proxecto de Boqueixón no Pico Sacro é un dos catro premiados por Cultura y Turismo nas dúas convocatorias que se teñen celebrado dos Premios Galicia Parabéns. A terceira permanece aberta ata o vindeiro 25 de marzo. Cun investimento global de 800.000 euros para 2019 e 2020, a Xunta premiará dúas novas actuacións destinadas a mellorar as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago dentro do territorio da comunidade autónoma. Poderán participar na convocatroia concellos, agrupacións de municipios, mancomunidades e consorcios locais que cumpran os requisitos que poden consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).