El Correo Gallego

Noticia 6 de 37 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Novo acordo para impulsar medidas contra a violencia de xénero no medio rural

Alfonso Rueda e José González asinaron onte un convenio para fomentar campañas de prevención e de sensibilización

Pola esquerda, Susana López Abella, Alfonso Rueda, José González e María Jesús Lorenzana, onte - FOTO: ECG
Pola esquerda, Susana López Abella, Alfonso Rueda, José González e María Jesús Lorenzana, onte - FOTO: ECG

CLAUDINA ESTÉVEZ   | 18.04.2019 
A- A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Medio Rural, José González, asinaron onte un convenio de colaboración co obxectivo de impulsar novas medidas para loitar contra a violencia de xénero e fomentar a igualdade real entre homes e mulleres no ámbito rural.

No mencionado acto estiveron acompañados pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e polo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro.

O obxectivo deste acordo, dotado con algo máis de 780.000 euros, é seguir fomentando o compromiso transversal do conxunto do Goberno galego na execución do Pacto de Estado contra a violencia machista. Neste marco, xa se foron asinando outros para poñer en marcha actuacións específicas en eidos como a cultura, o turismo, a educación, a vivenda, o deporte ou as políticas sociais.

Entre outras medidas, ao abeiro deste documento, executaranse varias campañas sobre detección e prevención do sexismo e accións de información, sensibilización e formación sobre esta cuestión a través dos vintecatro Grupos de Desenvolvemento Rural.

Tamén se impulsará a posta en marcha dun programa de contratación de mulleres que sufriran violencia de xénero en empresas ou entidades forestais e agrogandeiras, coa finalidade última de defender os seus dereitos a vivir en igualdade e a salvo desta inxustiza social. Neste senso, Alfonso Rueda lembrou que as administracións teñen "a obriga de darlles unha oportunidade cando rompen co maltratador ou con toda a súa vida anterior" e isto implica, segundo engadiu, brindarlles unha nova vida e, polo tanto, un posto de traballo, xa que en moitos casos teñen tamén un fillo ao seu cargo. "É fundamental que as empresas do ámbito agrario lles boten unha man", explicou nese sentido.

A administración autonómica reafirmou o seu compromiso por seguir traballando para potenciar o papel feminino no agro e loitar contra esta lacra, moi especialmente entre o rural e a mocidade, dous ámbitos onde os estudos constatan que resulta necesario facer máis fincapé.