El Correo Gallego

Noticia 19 de 23 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Petiscos a base de filloas nos locais de Boqueixón

Terán un prezo de dous euros e poderán degustarse entre os vindeiros días catro e oito de marzo á hora do xantar e da cea

Pola esquerda. Jesús Sanjuás, Manuel Fernández e varios hostaleiros - FOTO: C. Boqueixón
Pola esquerda. Jesús Sanjuás, Manuel Fernández e varios hostaleiros - FOTO: C. Boqueixón

ALBA PRADA BOQUEIXÓN   | 27.02.2019 
A- A+

A vindeira semana, entre os días 4 e 8 de marzo, Boqueixón celebrará as súas Xornadas Gastronómicas da Filloa, que van xa pola cuarta edición. Son o preludio da gran festa que terá lugar o día 10 e que combinará a proposta culinaria coa tradición do Entroido dos Xenerais da Ulla.

As xornadas foron presentadas onte na casa da concello, nun acto que contou coa presenza do alcalde Manuel Fernández Munín; o concelleiro de Servizos Xerais, Seguridade e Medio Ambiente, Jesús Sanjuás, e representantes da hostalaría local. Varios establecementos da zona van ofrecer filloas con elaboración gourmet tanto á hora do xantar, de 12.00 a 15.00 horas, como da cea, de 20.00 a 22.30.

Os petiscos terán un prezo de dous euros e incorporarán produtos de tempada e de primeira calidade. O bar restaurante O Imprevisto servirá as especialidades Filloa imprevisto e italiana; no local Vente Vindo poderán degustarse as chamadas Galemar, Galeterra e Galedoce. Na Cervexería O Vikingo a proposta leva por nome Mesturance e no Restaurante Vía da Prata; Panza Chea.

 


LESTEDO. As famosas filloas comezarán a prepararse coas primeiras luces do 10 de marzo e a partir do mediodía poderán degustarse soas ou acompañadas. A máquina elaborará unhas 1.500 por hora para que ningún asistente quede sen probalas. A actriz María Mera será a encargada de presentar o evento, e o xornalista de Onda Cero, Ramón Castro, pronunciará o pregón.

Tamén se imporá o mandil de honra ao pregoeiro e a outros persoeiros que contribúen ao éxito da festa. Tampouco faltarán as actuacións musicais, que durante a sesión vermouth virán da man dos grupos e charangas Ardora, Raeira, Raiola, Luz do Ilicino e O Recobío. Tamén estarán presentes as orquestras Finisterre e París de Noia, que animarán aos asistentes entre as 18:30 e a medianoite. Para esa tarde están programados ademais os atranques dos Xenerais da Ulla, que coas súas estrofas rimadas criticarán os asuntos locais máis destacados de todo o ano, sobre todo, temas políticos, deportivos ou de actualidade xeral. Servirá así de colofón ao Entroido.

Concello e organizadores animan a asistir a un evento que hoxe é un dos grandes referentes dentro das festas gastronómicas de Galicia.

TRAXE FEMININO

A deseñadora Carmen Pichel está a preparar unha gran sorpresa: nin máis nin menos que un traxe de xenerala. Según dixo "chegou o empoderamento feminino" e por fin "poderán participar no entroido vestidas de muller e non de home", sinalou. Esta nova vestimenta será moito máis cómoda e práctica sen perder o encanto. O tricornio da cabeza, por exemplo, pesará menos.