El Correo Gallego

Noticia 49 de 58 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Ramón Castro, de Onda Cero, inaugura a Festa da Filloa

Se o tempo o permite, ás 12.30 dará comezo o desfile dos xenerais da Ulla en Boqueixón

A.P.   | 10.03.2019 
A- A+

Boqueixón. Chegou o momento da Festa da Filloa de Lestedo e xa está todo listo no campo da feira para acoller aos visitantes que se acheguen a desfrutar do tradicional postre galego e de todo o festexo organizado ao seu arredor.

A celebración arrancará a media mañá coa degustación de distintas receitas de filloas e sobre as 12.30 horas dará comezo o desfile dos xenerais. Máis tarde, ás 13.30 horas, chegará o turno do pregón, que pronunciará o xornalista de Onda Cero, Santiago Ramón Castro. A presentación do acto correrá a cargo da actriz María Mera e vai presidilo o rexedor boqueixanés, Manuel Fernández.

A continuación realizarase a imposición dos Mandís de Honra tanto ao pregoeiro como a outros persoeiros que contribúen á difusión e posta en valor da festa e imporase a condecoración especial a un un xeneral ou unha xenerala da parroquia de Lestedo. Aproveitando este intre amosarase o novo traxe feminino deste entroido, creado pola deseñadora e estilista Carmen Pichel.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar o tradicional atranque no que se aproveitará para criticar os asuntos locais de actualidade. Oito xenerais participarán nesta actividade á que seguirá o fin de festa da man das orquestras Finisterre e París de Noia, a partir das 18.30 horas.