El Correo Gallego

Noticia 4 de 73 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Tapas salgadas e doces e cantos de taberna nos locaisde Boqueixón

Arranca hoxe o concurso de petiscos, no que participan seis establecementos con elaboracións a dous euros

A.P.   | 22.11.2019 
A- A+

Xa está todo preparado para dar comezo a oitava edición do concurso de tapas Que Rico Estás Boqueixón. Esta cita gastronómica arranca hoxe e desenvolverase mañá, o domingo 24, o 29 e 30 de novembro e o 1 de decembro. Son un total de seis os establecementos locais que participarán no certame, ofertando elaboracións ao prezo de 2 euros.

A gran novidade desta edición será que a degustación gastronómica se combina cos Cantos de Taberna. Cinco agrupacións musicais do municipio percorrerán os locais participantes na ruta de tapas amenizando as noites de venres e sábado e as mañás de domingo. Así, Son de Gaita actuará no Imprevisto hoxe pola noite e no Vente Vindo o sábado 30 tamén en horario nocturno. As Pandereteiras de Codeso amenizarán a ruta hoxe á noite tanto no Vía da Prata como en Casa Castro. Neste mesmo local actuará o domingo 24 a agrupación Re-Voltas.

Pola súa banda, Os Brañas de Lamas porán a súa música á noite do venres 29 de novembro no Vikingo. Finalmente, Muxicas da Silveira estarán o sábado 30 no Vente Vindo e o domingo 1 de decembro ao mediodía no Záramo.

'Que rico estás Boqueixón' sorteará ata 300 euros en dous premios. Para participar, a clientela deberá facer entrega do folleto de participación debidamente cumprimentado. O primeiro dos sorteos corresponderá a un premio en metálico de 180 euros e o segundo consistirá nun vale regalo por valor de 120 euros para canxear por unha comida ou cea no establecemento gañador. Das propostas do público sairá tamén o local vencedor.