El Correo Gallego

Noticia 3 de 76 noticia anterior de Boqueixón Área de Compostela » Boqueixón

Volven este mes as visitas teatralizadas a Ponte Ledesma

Os días 8 e 15 van revivirse os momentos previos e posteriores á batalla napoleónica

Pola esqd., Manuel Taboada, S. Martínez, P. Brandariz e Manuel Fernández - FOTO: C.B
Pola esqd., Manuel Taboada, S. Martínez, P. Brandariz e Manuel Fernández - FOTO: C.B

C. ESTÉVEZ   | 03.03.2020 
A- A+

Tralo éxito acadado os dous anos anteriores, os concellos de Boqueixón e Vila de Cruces revivirán de novo a batalla napoleónica de 1809 a través de dúas visitas teatralizadas a Ponte Ledesma. As representacións terán lugar os vindeiros días 8 e 15 deste mes ás 12.30 horas e durarán aproximadamente hora e media. Serán os actores Suso Martínez e Pedro Brandariz os que darán vida ao capitán Benito Martínez e o abade Alonso Valladares para representar e narrar a batalla que se librou en Ponte Ledesma, na que os veciños lograron vencer aos 2.000 soldados do exército de Napoleón.

O primeiro ano representaron os feitos acaecidos en marzo de 1809, o segundo recrearon o duelo entre dous oficiais franceses e este vez farán unha narración teatralizada dos momentos previos e posteriores á batalla.

Onte tivo lugar a presentación oficial desta iniciativa na ponte vella de Ponte Ledesma e nela participaron os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e de Vila de Cruces, Luis Taboada. O rexedor boqueixanés destacou o éxito de público e a elevada valoración que obtivo esta actividade, "os últimos anos comprobamos que estas representacións teatrais teñen moito éxito, e por iso seguimos apostando por esta fórmula para conmemorar a batalla que os nosos antepasados libraron contra o exército de Napoleón". Taboada, pola súa parte, explicou que as visitas "para nada son unha repetición, posto que se inclúen novidades".

Os interesados en participar deberán inscribirse no Concello de Boqueixón (no teléfono 981 513 061 ou no e-mail boqueixonturismo@gmail.com) ou ou no de Vila de Cruces (986 582 017 ou no correo info@viladecruces.es ).