El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela » Boqueixón

Xenerais e correos xa están preparados para desfilar na Ulla

O Castiñeiriño foi o encargado de iniciar os famosos atranques a pasada fin de semana // Este sábado tócalle o turno a Marrozos, en Compostela, Silleda e a Reis, en Teo // Pecharán a programación os da Festa da Filloa de Lestedo, o 10 de marzo // Estarán tamén este último día no campo da festa de Trobe, no concello vedrés

ALBA PRADA  | 21.02.2019 
A- A+

O ano pasado o Entroido arrancaba cando aínda saboreábamos o derradeiro polvorón do Nadal, pero este fixo agardar un pouco máis a todos os devotos da popular festa... Non obstante, agora sí, xa está aquí e aínda quedan por vir os días grandes. A pesar da tradicionalidade do festexo, hai moi poucos en Galicia que se gañasen o título de Interese Turístico e que cada ano esperte o aplauso de miles de curiosos. Entre eles, atópase o da Ulla, do que se teñen testemuños dende mediados do século XIX. A Estrada, Boqueixón, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces son os concellos, que xunto a Santiago, comparten o ancestral entroido.

As primeiras noticias que se teñen del corresponden aos anos 70. Alfredo Vicenti, ilustre político santiagués, publica en 1875 no xornal El Heraldo Gallego unha serie de artigos titulados En las orillas del Ulla. Un deles titúlase La máscara e narra a formación dunha comparsa entroideira na parroquia de Oca, na Estrada. Tras isto foron moitos os autores que escribiron pequenas notas para difundir esta celebración, entre eles, Bouza Brey, Manuel García Barros, Neira Vilas, González Reboredo, Mariño Ferro, Arca Caldas e Federico Cocho.

Non se pode asegurar con certeza a orixe concreta dos Xenerais, pero polas características comúns destas mascaradas, adoita buscarse nos enfrontamentos armados que se sucederon na comarca ao longo do século XIX. É dicir, na loita contra a invasión francesa e na revolución de 1846, que rematou coa batalla de Cacheiras. As distintas guerras carlistas que tiveron lugar en España nestas datas axudaron a crear un abraio colectivo que culminou na súa ridiculización.

Dunha parroquia a outra, este festexo presenta pequenas diferenzas que os fan únicos, pero a esencia e os personaxes non mudan. Se algo define a este entroido son os Xenerais e os Correos a cabalo, que percorren as diferentes aldeas dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, que consiste nun enfrontamento dialéctico por parellas no que se aproveita para criticar asuntos locais, de política ou do corazón, que tiveran relevancia durante o ano na comarca. A parte destas dúas figuras, tamén están os abandeirados, o rei e a raíña, o coro principal, de bonitos ou de rapaces, e o de vellos.

Algo que chama moito a atención dos que visitan a Ulla durante esta época é o laborioso traxe que locen os Xenerais, especialmente o chamado tricornio que soportan na cabeza. Dita peza é un sombreiro de palla forrado de veludo e decorado por multitude de abelorios, flocos e borlas. Coróase con plumas de pavo real e plumachos de cores que lle dan máis altura. O resto da vestimenta compóñena unha camisa, a gravata, a chaqueta ou guerreira, as charreiteiras (ombreiras), unha banda de Galicia ou España, o cordón, a faixa, o pantalón, as botas e a espada, que nalgunhas ocasións pode ser unha fusta.

Os famosos altos son un dos momentos máis agardados deste entroido, e por iso xa están programados os de todos os concellos. Un deles xa tivo lugar, referímonos ao do Castiñeiriño, no Concello de Santiago, que foi o encargado de dar o pistoletazo de saída o pasado domingo 17. A seguinte cita estará en Silleda, este sábado 23, ás 18.00 horas no campo da festa. O mesmo día serán tamén en Marrozos (Santiago) ás 19.00 horas, e en Reis (Teo) ás 19.30.

O vindeiro domingo 24 tocaralle o turno a Merza (Vila de Cruces) ás 16.30 horas, a Angrois (Santiago) ás 19.00 e de novo a Reis (Teo), ás 19.30. O sábado de entroido, o 2 de marzo, serán os atranques en A Bandeira (Silleda) ás 17.30, na Praza de Juan Salgueiro. Tamén a parroquia de Aríns, en Compostela, recibirá aos Xenerais ás 17.30 horas, Santa María de Teo ás 19.30, e Vedra, que representará a función no campo da festa de Picón, ás 19.00. Ao domingo seguinte sairán en Sergude (Boqueixón), O Eixo (Santiago), Santa Cristina de Vea (A Estrada) e en Vilariño (Teo).

O martes 5, os altos sucederanse en Fonte Díaz (Touro) no marco da feira, polas rúas principais. Este mesmo día o concello organizará un percorrido no que participarán todos os veciños, que xa están a confeccionar os disfraces nun obradoiro. Tamén estarán en Fao, parroquia do mesmo municipio, ás 16.00 horas, e ás 19.00 chegarán ata A Estrada. O chamado sábado de piñata, o 9 de marzo, serán en San Xián de Sales. Pecharán a programación os atranques do día 10 de Boqueixón, que se reperesentarán no marco da edición 36 da Festa da Filloa de Lestedo. Ademais haberá previamente un desfile. Visitarán asemade o Concello de Vedra, concretamente o campo da festa de Trobe, ás 19.00 horas.

Dende as comarcas da Ulla convidan a desfrutar deste festexo e tamén da gastronomía e dos paisaxes que a conforman. Do magnífico río do mesmo nome, do monte do Pico Sacro, o máis mítico de Galicia; dos pazos de Oca e Ribadulla, cuxos xardíns, declarados Monumento Histórico-Artístico locen cargados de camelias; das antigas igrexas e mosteiros, dos sendeiros, da arquitectura popular e tamén dos queixos, viños albariños, augardentes e licores con Denominación de Orixe.