El Correo Gallego

Noticia 3 de 8 noticia anterior de Catoira Área de Compostela » Catoira

O alcalde de Catoira denuncia que o persoal do centro de saúde está desbordado por falta de substitucións

CONCELLO DE CATOIRA  | 17.07.2019 
A- A+

O alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño, trasladouse onte pola mañá ao centro de saúde para coñecer de primeira man a preocupante situación na que se atopa o servizo médico e o persoal sanitario por falta de recursos humanos.

O centro de Catoira conta con dúas prazas de médicos, pero un dos postos leva tempo sen cubrirse desde que a súa titular colleu unha baixa. Castaño falou a primeira hora co único médico dispoñible este martes, que estaba a substituír ao outro facultativo titular. Segundo lle trasladou ao rexedor, nun período de catro horas, dado que o horario de atención aos usuarios foi de 9:00 a 13:00 horas, tiña citas rexistradas para atender a 52 pacientes, o que supuxo un tempo medio de atención por paciente de 4,6 minutos, e que se viu minguado a apenas 3 minutos debido a que tivo que realizar unha visita domiciliaria. Con motivo desta sobrecarga asistencial, o médico tivo que derivar a Vilagarcía a todos os pacientes que se presentaron no centro con urxencias. E, a partir das 13:00 horas, o centro xa non dispuxo de atención médica.

O alcalde considera grave a situación na que se atopa a Atención Primaria en Catoira, xa que a ausencia de substitucións vén derivando desde hai tempo nunha asistencia sanitaria moi precaria para as/os veciñas/os. Xoán Castaño remitiu esta mañá un escrito á Consellería de Sanidade para trasladar formalmente a situación e instando a que se adopten as medidas oportunas para se solucione.