El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Abre o prazo en Ames para pedir as unidades de enterramento

Todos os interesados deberán presentar a solicitude de adxudicación directa que pode recollerse no concello ou a través da web municipal

Imaxe das unidades de enterramento no cemiterio municipal de Ames - FOTO: ECG
Imaxe das unidades de enterramento no cemiterio municipal de Ames - FOTO: ECG

CLAUDINA ESTÉVEZ   | 31.01.2019 
A- A+

A xunta de goberno local de Ames vén de aprobar a convocatoria, por adxudicación directa, das unidades de enterramento que quedaron sen adxudicar na licitación anterior (aprobada en xunta de goberno do 26 de outubro de 2017). Os interesados deberán presentar a correspondente solicitude de adxudicación directa de unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames, que serán adxudicadas por rigorosa orde de entrada das solicitudes e segundo o regulamento vixente. Os impresos poden conseguirse na casa do concello (Bertamiráns), nas oficinas xerais do Milladoiro ou na sección de avisos da páxina web municipal.

Dentro de dita convocatoria pódese optar a 94 columbarios, situados na rúa número 1, por un período de 25 anos (500 euros) ou 75 anos (552 euros); 58 panteóns tipo A, situados na rúa número 1, por un período de 25 anos (2.635,83 euros) ou 75 anos (4.754 euros); e 96 panteóns tipo A, situados na rúa número 7, por un período de 25 anos (2.635,83 euros) ou 75 anos (4.754 euros).

Dos panteóns tipo B ou nichos independentes da rúa número 2 foron adxudicados un panteón tipo B e seis nichos independentes, o cal permite sacar a licitación un total de 278 nichos independentes, que poderán adxudicarse na modalidade de nichos independentes ou panteóns tipo B. Deste xeito, pódese optar ao panteón tipo B por un período de 25 anos (3.106,44 euros) ou 75 anos (5.591,60 euros); e aos nichos independentes da rúa número 2, por un período de 25 anos (850 euros) ou 75 anos (1.481,78 euros). Asemade, pódese optar a 58 tumbas, situadas na rúa 6, por un período de 25 anos (823,21 euros) ou 75 anos (1.481,78 euros).

Os panteóns tipo A, da rúa número 1, dispoñen de 3 nichos e un columbario, mentres que os panteóns tipo B, da rúa número 2, dispoñen de 4 nichos. Dende o concello recalcan que o persoal municipal axudaralle á veciñanza a cubrir as solicitudes de adxudicación directa.

Para aclarar calquera dúbida os veciños poderán chamar ao número de teléfono 981 883 002 ou enviar un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal. O goberno municipal abre así unha nova convocatoria de solicitude de unidades de enterramento mediante un proceso máis áxil e directo e permitirá a aqueles interesados en adquirir algunha das unidades, aproveitar o resultado da adquisición do ano pasado sen ter que ir a un concurso público. Desde o Concello infórmase que este trámite directo tan só será posible durante estes meses, procedendo a unha nova licitación aberta pasado o verán.

 


POLIDEPORTIVO. A xunta de goberno local tamén vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da accesibilidade universal no pavillón polideportivo do Milladoiro. O proxecto ten un custe de 68.500 euros, IVE incluído, e está sufragado a través do Plan Único de concellos POS+ 2018. O proxecto contempla a creación dun aparcamento adaptado nos xa existentes, que cumpra a normativa coas súas dimensións e bandas perfectamente delimitadas e pintadas, así como o acceso á beirarrúa con paso de peóns adaptado. Tamén se colocará un ascensor exterior.