El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Adxudicada a renovación integral das rúas do Mar e da Volta en Castiñeiras

Na actualidade, augas fecais e pluviais van polo mesmo colector e o firme é de cemento

Vista parcial da rúa do Mar, que será renovada.  - FOTO: C.R.
Vista parcial da rúa do Mar, que será renovada. - FOTO: C.R.

S. S.   | 22.08.2019 
A- A+

Ribeira. O Concello de Ribeira adjudicou á empresa Excavaciones Nima S.L., cun orzamento de 91.740 euros e un prazo de execución de tres meses, as obras de pavimentación e renovación de servizos nas rúas do Mar e da Volta, na parroquia de Castiñeiras.

Ó concurso presentáronse 28 ofertas. O proxecto abrangue unha área formada por rúas de trazado irregular e anchura variable cun pavimento de formigón con danos notables, como disgregacións e socavóns. Ademais, en ambas vías a rede de abastecemento é de fibrocemento e carecen de sumidoiros, circulando as augas residuais e pluviais por un mesmo colector de formigón.

A canalización do suministro de auga potable remplazarase por outra de polietileno de alta densidade de 75 milímetros de diámetro; para a de fecais, colocarase un colector de PVC liso de 315 milímetros; e, para recoller as escorrentías da chuvia, instalaranse polo centro da calzada colectores de PVC corrugado de 315 milímetros e construiranse sumidoiros sifónicos de formigón prefabricado. Para os pavimentos usaranse lousas de granito combinadas con adoquíns sobre capa de morteiro de cemento.