El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Aloumiños e Cadelar volven ás aulas con intervencións asistidas coa cadela 'Nuba'

O obxectivo é mellorar as funcións física, social, emocional e cognitiva das persoas // Este ano percorrerán cinco centros

Unha das sesións impartidas pola asociación Aloumiños e Cadelar no CEIP de Baíñas, en cursos pasados - FOTO: ECG
Unha das sesións impartidas pola asociación Aloumiños e Cadelar no CEIP de Baíñas, en cursos pasados - FOTO: ECG

JOSÉ M. RAMOS   | 08.11.2018 
A- A+

A Asociación de Persoas con Necesidades Específicas da Costa da Morte - Aloumiños e Cadelar volven, un curso máis, ás aulas para desenvolver novas intervencións asistidas con animais, baseadas en programas deseñados para promover melloras nas funcións física, social, educacional, emocional e cognitiva das persoas.

Unha fermosa Golden retriever, de nome Nuba, xunto coa xente de Cadelar, execerá de facilitadora, motivadora e como mecanismo de apoio para os usuarios da invervención co fin de conquerir dun xeito lúdico os obxectivos planeados. Neste curso Nuba, acompañada dunha terapeuta ocupacional e unha guía canina, visitará, ata decembro, cinco centro educativos da Costa da Morte. Acudirá ao CEIP Fogar, CEIP Xesús San Luís Romero e o Centro Educativo de Aspaber, en Carballo; ao CEIP Alfredo Brañas, de Paiosaco (A Laracha), e ao CEIP Labarta Pose, de Baio (Zas).

Como novidade, este ano as actividades van ter, segundo indican dende Aloumiños, "un carácter máis personalizado, xa que serán os propios nenos e nenas con algunha necesidade educativa especial os principais beneficiarios destas sesións".

Nas intervencións traballarán, xunto co equipo de orientación e o profesorado dos diferentes centros educativos, unha serie de obxectivos individualizados para cada un dos participantes. Estas sesións enmárcanse nun programa dirixido, desenvolto e evaluado por un profesional da saúde e da educación, e son levadas a cabo por un equipo humano especializado e animais entrenados en este tipo de intervencións.

 


CALENDARIO. A Asociación Aloumiños convida tamén á presentación do seu calendario solidario 2019, que terá lugar o sábado, día 10, ás 12.00 horas no Casino de Carballo. Aseguran que "este ano cobra mais importancia si cabe para nós, por contar con colaboracións moi especiais".