El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Alumnos do Virxe do Mar e do San Alberto sumáronse a Musiqueando

Alumnos actuando na entrada do Virxe do Mar - FOTO: ECG
Alumnos actuando na entrada do Virxe do Mar - FOTO: ECG

M. CANO   | 16.04.2019 
A- A+

Alumnado e profesorado dos institutos Virxe do Mar e do Campo de San Alberto de Noia sumáronse a semana pasada á iniciativa Musiqueando, promovida pola Confederación de Asociacións de Educación Musical (COAEM) e na que tomaron parte 397 centros de toda España, entre eles os noieses.

Un evento ao que asistiu a concelleira de Ensino, Ángela Neri, quen felicitou á comunidade educativa "por ser os únicos da comarca que se uniron a un fermoso proxecto que busca compartir con todo o mundo a música que levamos dentro e que se fai nas aulas".

No concerto, que tivo lugar ás portas do IES Virxe do Mar, participaron rapaces e rapazas de ambos centros, que interpretaron distintas pezas musicais, tanto instrumentais como vogais. Música de todos os estilos e con todo tipo de instrumentos: guitarras, baterías, xilófonos, frautas... e con pezas moi recoñecibles: dende Dile a papá de Christina Rosenvinge ao Misirlou popularizado por Pulp Fiction e polo Pump it de Black Eyed Peas. Unhas cancións que foron aplaudidas polos distintos veciños congregados no lugar.

Esta é a quinta edición da xornada de concertos escolares na rúa que cada 11 de abril convocan os profesionais da Educación Musical en toda España. Unha iniciativa que este ano se convocou baixo a lenda Musiqueando 2019 - nos importa la música e que contou coa participación de máis de 46.000 alumnos e alumnas de todo o país, un 30% máis co ano anterior. En Galicia sumáronse un total de 21 centros educativos, dos que nove procedían da provincia da Coruña.