El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Ames acada 434 votos nos orzamentos participativos

Os asistentes a esta asamblea de reconto puideron ver en tempo real nunha pantalla os votos e os resultados finais

Un momento da votación nos orzamentos participativos do 2018 do Concello de Ames - FOTO: C. Ames
Un momento da votación nos orzamentos participativos do 2018 do Concello de Ames - FOTO: C. Ames

CLAUDINA ESTÉVEZ  | 12.07.2018 
A- A+

O salón de plenos da casa do Concello de Ames vén de acoller a asamblea final de reconto dos votos dos orzamentos participativos de 2018. Dende o Concello informaron de que foi unha asamblea aberta e pública que se realizou "coa máxima transparencia". En total contabilizáronse 434 votos, 422 válidos e 12 nulos.

Para o rural houbo que escoller entre 112 propostas e a mocidade tivo que votar entre 46. Todos os asistentes puideron ver nunha pantalla en tempo real o reconto dos votos e o resultado final do número de votos que recibiron as propostas de cada parroquia, así como os investimentos e actividades dirixidas á mocidade.

Por parroquias o reconto de votos foi o seguinte: Agrón 26 votos; Ameixenda 5 votos; Ames 78 (77 válidos e 1 nulo); Biduído 31 votos; Bugallido 74 votos (69 válidos e 5 nulos); Covas 14 votos; Lens 10 votos; Ortoño 37 (36 válidos e 1 nulo); Piñeiro 26 votos (25 válidos e 1 nulo); Tapia 27 votos e Trasmonte oito. Ademais, contabilizáronse 98 votos (94 válidos e 4 nulos) para os investimentos e actividades dirixidas á mocidade. Dende o Concello explican que agora queda determinar as actuacións que se van realizar en cada unha das parroquias, tendo en conta a contía económica asignada a cada unha (12.000 euros), así como os investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos aos máis novos, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e as actividades dirixidas á mocidade do Concello (10.000 euros).

Para o 2018 o goberno municipal destinou en total 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga as súas propostas.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt