El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Ames e Apego traen para os nenos unha vintena de proxectos

Trotaventos encargarase de dar un concerto o vindeiro día 8 para inaugurar as actividades

O grupo Trotaventos interpretando a función A Fiestra dos Soños - FOTO: C.P.
O grupo Trotaventos interpretando a función A Fiestra dos Soños - FOTO: C.P.

A. PRADA AMES  | 02.02.2019 
A- A+

Os pequenos de Ames poderán desfrutar durante os vindeiros catro meses dunha vintena de actividades dirixidas especialmente a eles. Trátase dun proxecto posto en marcha polo Concello xunto con Apego e que arrancará o vindeiro venres 8 de febreiro cun concerto na casa da cultura de Bertamiráns do grupo Trotaventos. A función, A Fiestra dos Soños, será ás 18.00 horas e está dirixido a un público familiar. A fiestra dalle unidade e sentido ás historias que funcionan de maneira independente e musicalmente os poemas convértense en cancións. As entradas para a obra xa se poden retirar na billeteira electrónica, a través da páxina web do Concello de Ames. A seguinte actuación será o día 15, ás 18.00 horas. O Mago de Oz aterrizará na casa da cultura do Milladoiro da man de Avento Producións Teatrais. Trátase dun musical familiar con cancións, bailes e aventuras para toda a familia. Xa o venres 22 a casa da cultura acollerá Entre arrolos e contiños, un espazo no que Bea Campos, de Migallas Teatro, ofrecerá cantos e contos de tradición oral con música en directo para os máis cativos. Realizaranse dúas sesións, a primeira ás 17.00 horas e unha segunda ás 18.00. Para participar, será necesario inscribirse do 12 ao 20 de febreiro. As actividades continuarán durante os meses de marzo, abril e maio.

Esta iniciativa ten como obxectivo contribuír á socialización en galego da infancia. De feito, o programa Apego é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. En Ames, o programa do Apego conta máis de 100 familias adheridas.