Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames non recibirá cartos ata asumir a Avenida da Maía

O compromiso da Xunta é o de ceder 140.000 € cos que poder arranxala

A Xunta vai financiar con algo máis de 140.000 euros a mellora do firme da travesía AC-543, en Bertamiráns... unha vez que o Concello de Ames asuma a titularidade deste tramo viario. Así se acordou onte no encontro mantido entre o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o alcalde de Ames, José Miñones, quen se mostrou conforme coa fórmula proposta polo Goberno galego para que o Concello asuma a titularidade da vía e así facilitar que funcione como avenida urbana. Hai que lembrar que no 2017 xa se prantexara, sen éxito, o acordo.

Segundo fontes autonómicas, "trátase de intervir no tramo da estrada AC-543, na travesía da Avenida da Maía, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+360". Pola súa banda, Menéndez explicoulle ao alcalde que para materializar esta actuación é preciso asinar un convenio de colaboración entre ambas administracións. No mesmo, a Xunta farase cargo da financiación desta intervención, e o Concello executará as obras e comprométese a aceptar o cambio de titularidade. O troco de titularidade permitirá deixar de aplicar a normativa autonómica en materia de estradas, máis restritiva que a municipal na xestión do dominio público.

Ademais, na reunión comentáronse varios aspectos de posibles melloras na AC-544 relacionadas coa seguridade viaria, que serán analizadas por parte de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas. Lembrar, por último, que a Xunta asume os 150.000 € extra polo desvío de camións pola AG-56 para que eviten O Milladoiro.

11 sep 2019 / 22:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito