Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ames participa nun plan de cooperación internacional

Adestramento a monitores de clubes deportivos do municipio caboverdiano de Tarrafal por parte do técnico compostelán Alberto Viaño // Búscase crear escolas que fomenten a colaboración social e a perspectiva de xénero

O técnico municipal de Deportes de Ames, Alberto Viaño, pasou 15 días en Caboverde para formar a monitores e adestradores de Tarrafal co obxectivo de poñer en funcionamento escolas deportivas que emerxan desde a perspectiva de xénero e cun carácter social.

Esta colaboración xestionouse a través dun convenio asinado entre o Concello de Ames e a Cámara municipal africana de Tarrafal para crear un programa de cooperación internacional entre ambos municipios e mediante o que fortificar as capacidades de planificación de actividades sociais de Caboverde.

O acordo, que ten unha duración prevista dun ano, aínda que podería ser prorrogado por un periodo máximo de catro, implicou que os gastos de desprazamento foran asumidos polo Concello de Ames mentres que dos custes de aloxamento e manutención ocupouse a Cámara municipal de Tarrafal.

Durante a súa estadía en Caboverde, o traballo de Viaño consistiu en impartir actividades de formación en aula sobre diversos aspectos aos monitores e adestradores dos distintos clubes deportivos. O curso impartiuse centrándose no traballo cos nenos, por iso tiveron que afondar na planificación nas distintas etapas de formación, en nocións de preparación física e na prevención de lesións. A citada xornada laboral na aula do técnico deportivo de Ames durante esa quincena consistiu, basicamente, en traballar cada dúas mañás, polo que os días que non o facía interesábase por aspectos sobre o funcionamento do servizo de deportes municipal. Tamén intentaba dar a coñecer como se poderían levar a cabo certos programas como escolas deportivas ou actividades físicas para maiores, e de que xeito se poderían organizar nas distintas zonas, tanto rurais como urbanas.

Con todo, polas tardes visitaba as instalacións onde xogaban os clubes deportivos de fútbol, voleibol, balonmán ou baloncesto de Tarrafal para probar que se puxeran en práctica os distintos aspectos do adestramento que mostraba nas clases teóricas aos monitores.

Este convenio débese á participación da técnica municipal de Turismo de Ames no ano 2016 no programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Vacacións con traballo. Con isto estableceuse unha relación de colaboración entre Ames e o municipo caboverdiano e, máis en concreto, entre o Bertamiráns FC e o GD Varandinha de Tarrafal.

A partir de entón, e ata atopar este proxecto, o Concello de Ames sempre tivo presente a búsqueda de vías de colaboración. Aínda que estea encadrado no ámbito deportivo, non deixa de ser un plan baseado na solidariedade e na cooperación internacional, que son os valores que o convenio pretende fomentar e sobre os que levantar a construción das escolas deportivas.

Con este programa, Ames busca colaborar no desenvolvemento de disitintas áreas, sobre todo as que teñen que ver coa igualdade de xénero, as políticas infantís e as que axuden a Tarrafal a superar as diferenzas que separan os seus dous núcleos de poboación.

16 ene 2019 / 21:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito