El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Área de Compostela  |   RSS - Área de Compostela RSS

Ames quere máis líneas, máis frecuencias e un bus nocturno

O Concello, nas súas alegacións, cre que pola noite hai que ter un servizo circular entre O Milladoiro, Bertamiráns e Santiago

Un autocar do transporte metropolitano recolle pasaxeiros nunha parada do municipio de Ames - FOTO: Concello de Ames
Un autocar do transporte metropolitano recolle pasaxeiros nunha parada do municipio de Ames - FOTO: Concello de Ames

MAN UEL BOO AMES   | 25.08.2019 
A- A+

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, vén de presentar ante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, da Xunta de Galicia, alegacións ao proxecto de explotación de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estradas. As alegacións presentadas céntranse en seis liñas de transporte: ruta da rúa da Rosa - Bertamiráns -A Gándara; ruta da rúa da Rosa - Ameneiro- Casalonga-Firmistáns; ruta da rúa da Rosa - O Milladoiro; ruta polígono Novo Milladoiro-Bertamiráns; e ruta da rotonda de As Viñas-Rúa da Rosa. Ademais, proponse para as fins de semana, a creación dunha liña nocturna con parada segura que sexa circular Bertamiráns - O Milladoiro - rúa da Rosa, comezando ás once e media da noite con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás tres e catro da madrugada.

Debido ao incremento da poboación de Ames o goberno municipal está traballando na creación dun Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible (PMUSS) co que se pretende alcanzar unha serie de obxectivos: accesibilidade para todas ás persoas ao traballo e servizos; mellora da seguridade viaria; reducir a contaminación e o consumo de enerxías non renovables; aumentar a eficiencia e eficacia do transporte público; e mellorar a calidade do entorno e facelo máis atractivo. Unha das áreas de intervención fundamental para ao desenvolvemento do PMUSS é a potenciación do transporte colectivo, mellorando así a accesibilidade aos grandes centros xeradores de mobilidade (hospitais, polígonos industriais, áreas comerciais, etc).

A nova área de mobilidade creada nesta lexislatura estivo traballando xunto á Concellaría de Urbanismo de cara a dar cobertura ás necesidades e reclamacións que ao longo destes anos os usuarios do transporte metropolitano estiveron presentando no Concello. A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, explica que "se entre todos viramos cara políticas de mobilidade seguras e sostibles, obteríamos grandes beneficios, non só para o Concello de Ames, senón para toda a área de Santiago de Compostela, debendo ser unha prioridade nas contornas das grandes cidades, como é o noso caso. Dende o Concello de Ames queremos avanzar cara a unha cultura de mobilidade sostible e segura, acordada e compartida na medida do posible polas distintas administracións, sendo necesarios proxectos de colaboración rexionais, nacionais e/ou europeos".

Un dos proxectos de colaboración que se recolle dentro do PMUSS é o do transporte metropolitano entre Ames e Santiago de Compostela.

Entre os anos 2008 e 2019 a poboación do Concello de Ames incrementouse en 6.372 habitantes, o que supón un 24,5 por cento aproximadamente. A maioría desta poboación está a elixir os núcleos urbanos como lugar de implantación, e nalgúns casos importantes, os xa denominados periurbanos que rodean a Bertamiráns e O Milladoiro. Dentro desta poboación, Ames destaca por ser o Concello máis novo de toda Galicia, cunha media de idade de 38 anos e un perfil xoven que demanda un transporte eficiente.

na busca de calidade de vida

••• Coa creación dun Plan de Mobilidade Urbano Saudable e Sostible preténdese aportar unha mellora na calidade de vida dos cidadáns diminuíndo a contaminación acústica e atmosférica, xa que este é un elemento central en calquera política climática, podendo crear así espazos máis limpos e atractivos para a cidadanía, e aumentando a seguridade viaria. Outro dos obxectivos é dispor dunha mobilidade conectada e sostible xa que asegura as necesidades das persoas e as empresas.

o uso do transporte público

••• O alcalde de Ames, José Miñones, incide en que "consideramos preciso modificar a proposta inicial plantexada levando a cabo un maior despliegue de liñas e frecuencias estratéxicas e que van na liña do que xa trasladamos no seu día á Xunta. Se queremos virar cara a políticas de mobilidade sostibles e seguras temos que reforzar cada vez máis o transporte metropolitano, sendo o momento de educar a nosa cidadanía no uso do transporte público e non quedarnos a cola das políticas europeas".

A CIFRA

2.000

usuarios son os que se desprazan de O Milaldoiro ou Bertamiráns a Santiago na franxa de idade de 12 e 18 anos. No tramo de idade de 19 a 30 anos hai un perfil de viaxeiro variado (estudantes universitarios ou de ciclos superiores; rapaces que simultáneamente estudan e traballan; persoas que comezan cos seus primeiros traballos).